Terá lugar os días 6 e 7 de maio a última proba da cita nacional.

O Open de España de BTT decídese en Maceda

Maceda acolle esta fin de semana, os días 6 e 7 de maio, a última proba do “Open de España” de bicicleta de montaña (BTT) – IX BTT de Maceda. Un total de 250 ciclistas de varios países -España, Portugal, Brasil, Romanía e Arxentina-, entre os que destaca o macedán Pablo Rodríguez Guede, participarán nesta competición, denominada “Gran Premio Ourense Termal”, no que colabora a Deputación de Ourense, proba que está incluída no calendario da Unión Ciclista Internacional.

As carreiras disputaranse na mañá do domingo nun circuíto de 5,2 quilómetros nos arredores da vila de Maceda, con probas para as diferentes categorías: cadete, mulleres junior, máster e mulleres elite.

Manuel Baltar destacou na presentación “a referencia que supón a vila de Maceda no ámbito do deporte, e sinaladamente no ciclismo”, e felicitou ao concello e ao Club Ciclista “polo labor que realizan promovendo a actividade deportiva entre os máis novos”. Xunto ao presidente do goberno provincial participaron no acto, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; o organizador da proba, Xulio Xosé Conde; o corredor Pablo Rodríguez Guede, e o técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande.

Rubén Quintas remarcou o apoio da Deputación de Ourense e dixo que o fomento do deporte de base “é unha parte moi importante da vida na nosa vila”. Neste sentido, Pablo Rodríguez Guede destacou o gran nivel deportivo da proba e o feito “de que se poida achegar este deporte aos rapaces da escola ciclista, polo que supón de motivación para eles”.