A Deputación de Ourense crea un premio para recoñecer o seu labor.

Premios para os xestores culturais

A Deputación de Ourense presentou o premio “Rodolfo Prada Chamochín”, un galardón que instaura a institución provincial co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia. O galardón, que levará o nome do galeguista e intelectual dos Peares -o gran valedor de Castelao en Bos Aires-, foi proposto polo Consello da Ourensanía e terá unha periodicidade anual.

O acto de presentación do premio tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Alberto García; o xestor cultural no Concello de Celanova e secretario do Premio “Ourensanía”, Antonio Piñeiro, e o coordinador da ICC Week, Juan Rivas.

Manuel Baltar destacou que este premio “realza o compromiso que tivo Rodolfo Prada con Galicia desde a emigración en Arxentina, e recoñece o labor creativo que se fai na nosa terra nas artes, o audiovisual, as letras, a etnografía, a música o patrimonio histórico e cultural, as industrias culturais e creativas e a proxección exterior da cultura galega”. O presidente provincial afirmou que as bases do premio aprobaranse a vindeira semana na Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, e que o galardón “entregarase cada ano na edición da “Ourense ICC Week”, porque a xestión cultural tamén é creatividade”.

Pola súa banda, Alberto García saudou “moi positivamente” a creación deste galardón “que recoñecerá a unha profesión moi plural e permitirá darlle máis visibilidade aos moitos e bos proxectos culturais que se fan en Galicia”, e destacou a importancia de que este premio se cre, se convoque e se entregue en Ourense, “que estes días coa ICC Week é a capital galega da innovación cultural, da man da Deputación de Ourense”.

Antonio Piñeiro, un dos creadores hai nove anos da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, explicou que este recoñecemento propúxose no marco do premio “Ourensanía”, “para traer á actualidade á figura de Rodolfo Prada e pór en valor o traballo da xestión cultural que se desenvolve en Galicia».