Este ano estará adicado á memoria.

Abre o Festival internacional de xardíns de Allariz

O sábado, 13 de maio, inaugurarase unha nova edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz que permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de outubro.

Baixo o tema “Os Xardíns da Memoria”, esta oitava edición congrega a paisaxistas internacionais  con propostas novidosas no sector chegadas dende Galiza, Madrid, Brasil, República Checa, Austria ou México.

Os técnicos municipais son os encargados de executar a instalación dos dez xardíns efémeros e están a traballar para que estean listos para a inauguración. Durante seis meses lucirán mentres permaneza aberto o festival, de maio a outubro. Xunto aos xardíns que compiten polo voto do público exhíbense tamén o xardín deseñado polos alumnos do colexio Padre Feijóo de Allariz e o gañador  da pasada edición, o xardín “Terraformación” do galego José Souto. En total doce xardíns que deixarán patente o nivel paisaxístico do evento.

Este ano, o tema central é “Os xardíns da memoria”. Unha mirada á historia con motivo do 700 aniversario da orixe da Festa do Boi en Allariz. Os paisaxistas centraron os seus deseños na memoria, no coñecemento e na propia ausencia da mesma. Todos eles compiten  polos votos dos miles de visitantes que elixirán o mellor xardín perpetuándoo un ano máis no recinto.

Esta gran aposta paisaxística é un formato único en España, desenvolvido polo Concello de Allariz para poñer en valor a paisaxe e a xardinaría como vía para o desenvolvemento económico e social da zona,así como a mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas. É polo tanto un encontro ineludible no eido do paisaxismo, senón unha grande aposta de desenvolvemento social e económico da localidade.