O copropietario da bodega Tapias Mariñán, Aníbal Blanco, achéganos ás consecuencias económicas dos danos causados polas recentes xeadas.

“Precisamos a exención do imposto de viñedos e créditos a interese cero”

Tapias Mariñán é unha das grandes bodegas de Galicia, con 30 empregados en plena tempada. Pero que dende a xeada do 27 de abril terán que agardar ata a brotación para volver traballar. Coñecemos a situación a través do seu copropietario, Aníbal Blanco.

Cóntenos un pouco a historia recente da súa bodega.
Aníbal Blanco: “A bodega comezou a reestructuración en 1997, transformando as viñas que tiñan en propiedade en viñedo en espandeira. No 2004 fixemos a bodega nova. Actualmente andamos polas 60 hectáreas e temos un proxecto de 50 no comunal de Albarellos, que despois de dous anos para convencelos de que nolo aluguen atopámonos con trabas por parte da Administración, chamese galega, Madrid ou Bruselas. Primeiro dixeron que a liberalización do viñedo era a partir do 2016. Que fixeron? O contrario, restrición. Antes comprabas os dereitos e plantabas. Agora, nin podes comprar dereitos nin dan autorizacións”.

Non  pode medrar libremente?
A.B.: “ Non. É un monopolio do Estado ou de Bruselas, non sei. Solicitas unha plantación, danche as autorizacións e se non che chegan quedas mirando para o ceo. Agora a venda de dereitos está prohibida e son autorizacións da UE. A liberalización do sector vitivinícola? Todo o contrario. Se ti necesitas viñedo, non o podes prantar. Eu tiña solicitadas oito hectáreas e viñéronme a metade”.

Lembra algunha xeada coma a do 27 de abril?
A.B: “O ano 1945 en Verín coñécese como o “Ano da fame”. Veu unha xeada e arrasou todo, viñedo, cereal, pataca… A xente tiña unha agricultura de subsistencia para comer. Houbo outras xeadas moi importantes nos anos 60, e no 1994, creo, pero todas foron parciais, dependendo das zonas. Sen ir máis lonxe, o ano pasado houbo unha xeada que tamén afectou. Sempre hai algunha, ou saraiba, que afecta ao campo. Pero a deste ano eu califícoa como o xoves negro, deixou a comarca negra.
A diferencia doutras anteriores é que nesta arrasou todo. No noso caso, na zona de Albarrelos conxelou a vara verde que había nunha plantación nova. Na zona do Rosal non só afectou á vexetación verde, os brazos das vide de máis de 100 anos que se reformaron fai cinco anos cun diametro de oito ou dez centímetros, queimouna. Abaixo volverá brotar pero os brazos están mortos. Iso significa que perdín como mínimo dous anos de vendima nesa finca. En xeral, si que teremos colleita. Nalgunha finca igual collo o 80 % . Pero na maioría a base de moitos esforzos, moitos xornais e moitas desilusións chegaremos a un 40 ou 50% como máximo”.

Chegará para cubrir gastos?
A.B: “Hoxe non temos ningún problema económico. Hoxe. Dígollo ben claro á señora conselleira e ao señor Feijoo: hoxe as bodegas teñen viño, pero que pasará o ano que ven? Nós sacamos o diñeiro do viño que vamos vendendo, se a ano que vén temos a metade da colleita, de onde sacamos os cartos? Con que pagamos os xornais? Repito, este ano non teño ningún problema económico. Todo os bodegueiros temos un remanente, non en efectivo, pero si en mercancía, en viño, que nos vai pagando os gastos ordinarios. Pero cando deixe de entrar viño, con que pagamos os gastos?”.

Que significa un problema así no sector para a comarca de Monterrei?
A.B.: “O viño é a primeira industria da comarca. No Ribeiro igual hai polígonos ou están preto da capital. Nesta comarca non hai nada, só augas e viño. Industria cero. Algo de comercio. Ao  polígono de Tamagos aínda se lle espera e no de Pazos a metade das parcelas están valeiras e a outra metade ocupada por empresas públicas ou semipúblicas. Que queremos aquí? Menospreciar á comarca?”

Que solución lle pediría á conselleira?
A.B.: “ Exención do imposto de viñedos que se paga por superficie. Non é moito, admitoo. Págase ao Consello Regulador, polo que a Xunta debería asumilo. E créditos a interese cero, pero cero, non vale que cobren o 2%  ou 3% por outras historias. Iso que o faga un banco. A Administración pode sufragalo.
Na Ribeira Sacra parece que lle deron 7.000 euros por hectárea polos danos do pedrisco, que pasa aquí? estamos no cú do mundo? Teremos que pedir a independencia a Portugal? A Administración central non nos fai caso, a Xunta ignóranos… somos diferentes aos demais? Non sei quen deu esas axudas á Ribeira Sacra, pero aquí o dano foi moito peor.
Tamén están as axudas para o sulfato. Non me parece xusto que as dean. Un señor que estea no ecolóxico e non usa, non ten dereito á subvención? Outros que gastan menos sulfato tampouco se benefician. Creo que as axudas teñen que ser por metro cadrado de viñedo e para todo o mundo que estea amparado pola DO ou que estea fóra pero teña unha cotización agraria. Os que teñen a viña como entretemento e non venden as uvas  deben entender que non se poden beneficiar.
Teño moitas dúbidas de que isto chegue a bo porto. Estou farto de reunións, como a que fixemos en Vilaza onde non se invitou ao alcalde de Verín, a capital da comarca. Hai cousas que se me escapan e non entendo. Isto non é un tema político, é a supervivencia da comarca”.

O que hai que facer a continuación da xeada vai supor un sobrecusto?
A.B.: “Por suposto. Levabamos a metade da “marfoña”, quitar os brotes que non serven nin para a poda nin ten uvas. Agora hai que volver a facelo, pero non dun xeito normal se non cun traballo tres veces maior. Temos que ir mirando todo o brote que teña uvas e manter todo o que poidamos. Nunha colleita normal podes tirar algo máis pero agora temos que medir moito para salvar todas as uvas posibles. Se nun ano normal tiras 20 brotes, este ano tirarás 60 e escollendo un por un”.

A consellería anima aos produtores a contratar seguros agrarios, por que hai moitas bodegas sen el?
A.B.: “Vou contar a miña experiencia. Na xeada do 1998 ou 1999 tiñamos seguro. A xeada levounos a vendima dunha das viñas. O seguro valorouno e cando chegou a hora da vendima dixo que tiñamos colleita suficiente. Nós tivemos que aplicar fertilizantes, aminoácidos, tratamentos cicatrizantes…para que? Para que despois veña o seguro e me aplique o 20% de pérdidas e non é computable. Pois para iso non aseguro nada. Non volverei a aseguralo.
E non é unha cuestión de custo, ronda os 250 euros por hectárea. Hoxe dan a colleita por perdida ao 100% e despois en setembro se ti recuperas un 40 ou 50% descóntancho, e o resto aínda cho pagan a uns prezos irrisorios.
A administración ten que analizar porque non se fan seguros. Por que non o pode pagar? Non.
Algúns que teñen seguro comentan que pagan a 39 céntimos o quilo, cando ese non é o prezo real. Esta é a miña experiencia, non podo falar por todos nin se iso cambiou dende aquelas. Ao mellor estou confundido, non o sei.Pero a realidade é que hai moi pouca xente asegurada”.