O prazo para presentar os traballos remata o 15 de xuño.

A Deputación de Ourense convoca o XIV Certame de Artes Plásticas

A Deputación de Ourense convoca o XIV Certame de Artes Plásticas, unha iniciativa cultural que pretende “promover e apoiar aos novos valores nos distintos eidos das artes plásticas, premiando e difundindo os traballos dos creadores máis novos”, afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández quen, xunto ao director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Francisco González, presentaron esta mañá no Centro Cultural as bases deste certame.

A convocatoria realizarase para as modalidades de pintura, escultura, gravado e calquera outro tipo de expresión artística. Poderán participar todos aqueles artistas con idades entre os 18 e os 30 anos, sendo a temática libre, polo que se admiten todo tipo de tendencia estética. Na realización da obra poderase empregar calquera tipo de técnica e material.

Cada participante pode presentarse cun máximo de dúas obras, aínda que pertenzan a distintas modalidades. En canto ás características das obras deberán axustarse ás seguintes características: na modalidade de pintura, non deberán ser superiores a dous metros en calquera das súas dimensións; na modalidade de escultura, terán unha altura máxima de 1,80 metros e unha base que non superará o 1×1 metro;  e nas modalidades de gravado e de outras expresións artísticas as medidas serán libres. Asemade, as obras non poderán estar premiadas anteriormente en ningún outro certame artístico.

Os premios do certame estableceranse sen distinción de modalidade, dese modo, haberá un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo premio de 2.000 euros, un terceiro premio de 1.000 euros, e dous accésits de 500 euros cada un. En total, “destinarase unha dotación económica de 7.000 euros en premios para este certame”, dixo Francisco González quen engadiu que “o xurado poderá conceder tamén accésits honoríficos se así o considera oportuno, así como declarar deserto calquera dos premios”.

O xurado do certame estará integrado por un mínimo de cinco membros vencellados ao mundo das artes plásticas, que serán designados pola presidencia da institución provincial.

Os interesados en participar poderán presentar as súas obras desde a convocatoria deste certame de acordo coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia ata o día 15 de xuño de 2017. As obras enviaranse ou entregaranse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación. Para a súa identificación, as obras levarán en lugar visible un lema identificativo, que pode ser común ás obras presentadas polo mesmo autor. En sobre pechado aparte, incluirá un Boletín de participación no certame ou copia do mesmo por cada obra presentada, debidamente cumprimentado e cunha copia do DNI do autor. No exterior do sobre figurará o lema da obra ou das obras.