No Campionato de Deporte Escolar Xogade de Patinaxe Artística.

O Ourela, primeiro posto en Redondela

As integrantes do Club Deportivo Ourela desprazáronse o pasado sábado, 19 de maio, ata Redondela para participar no Campionato de Deporte Escolar Xogade de Patinaxe Artística. Na mesma competición, na edición do ano pasado acadaran o título, ao igual que na edición deste ano. Un gran éxito para un club que chegou a Ourense no 2013.

As oito patinadoras ourensás que conforman o grupo de Primaria conseguiron clasificarse en primeiro lugar coa coreografía “Casting”. As oito patinadoras do de Secundaria tamén realizaron unha gran actuación na súa modalidade, na que eran as únicas participantes, coa coreografía “Neófitas”.
“Estamos moi contentas co resultado. É unha satisfacción ver como as nenas gozan da competición e nos enorgullece o seu comportamento e compañeirismo”, -comentaban as súas adestradoras Nuria Rives e Lara Rives.

Competicións internacionais
Nuria coñece moi ben o esforzo que supón a competición en grupo. Co grupo catalán P.A. Blanes Fundació colgouse o ouro e a prata europea e dous bronces mundiais; e esta tempada volveu a clasificarse para o Mundial co C.P.A. Gondomar. “Estou feliz de poder participar no que será o meu terceiro Mundial, nesta ocasión en Nanjing, China. Pero agora tamén teño ganas de retirarme como patinadora e poder envorcarme completamente nesta nova etapa de adestradora. As nenas van mellorando e teñen moi boa actitude, queremos seguir avanzando para poder competir noutros campionatos”, apuntaba a internacional.