Celebrarase en Expourense a fin de semana do 17 ó 19 de novembro, coincidindo coa Carreira Popular de San Martiño.

SPORTUR Galicia, o I Salón do Deporte e o Turismo Activo

Dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable e promocionar a multitude de opcións que esta comunidade ofrece para os afeccionados ao deporte e ás actividades ó aire libre animando ao mesmo tempo aos propios galegos a practicalas. Este é o dobre obxectivo de “SPORTUR Galicia”, o I Salón do Deporte e do Turismo Activo que se celebrará en Expourense a fin de semana do 17,18 e 19 de novembro, coincidindo coa presenza na cidade de Ourense de milleiros de deportistas que participarán na Carreira Popular de San Martiño.

“SPORTUR Galicia” foi presentada en Ourense nun acto no que participaron a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Todos eles coincidiron en que Ourense se converterá no epicentro do deporte e do turismo activo en Galicia durante a fin de semana da celebración desta cita. Aljenadro Rubín indicou que “a tendencia das feiras é cara a especialización e Expourense quixo aproveitar a instalación no seu recinto dunha pista de atletismo para crear novos proxectos coma este vencellado ó deporte e o turismo activo”.

Pola súa parte, Nava Castro comentou que “esta feira contribuirá a poñer en valor o noso patrimonio natural e desestacionalizar o turismo. Ademais, vai en liña coa nova Estratexia de Turismo 2020 do Goberno Galego que destinou o 37% do seu presuposto a promover o turismo activo e de natureza” Tamén explicou que “o turismo activo enriquece a experiencia dos turistas que nos visitan. Este salón era necesario para una comunidade que conta con 6 Parques Naturais, 6 Reservas da Biofera, 1.600 kilómetros de costa, 880 praisias e máis de 300 surxencias termais”.

Durante a súa intervención, a secretaria xeral para o Deporte indicou que “conxugando deporte e turismo activo só se pode gañar. Son dous grandes activos que xeran riqueza na nosa comunidade. Gaña o noso turismo que permite ofrecer novas oportunidades para o visitante, o que implica una maios repercusión económica, e gañamos todos por ter una poboación máis saudable que gaña calidade de vida ao practicar alguna actividade deportiva”.

Organizado por Expourense e coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, “SPORTUR Galicia” nace como un evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Esta cita converterase nun punto de encontro para o sector onde terán cabida dende concellos ou outras entidades que queiran promocionar os seus recursos vencellados a este sector (rutas de sendeirismo ou acuáticas, instalacións deportivas, carreiras, andainas, etc.), ata empresas de equipamentos para o deporte e a aventura ou especializadas na venda de paquetes turísticos que inclúan actividades deste tipo. Haberá tamén un espazo adicado ás distintas asociacións e federacións deportivas de Galicia para que poidan promocionar as actividades que organizan. Esta cita estará centrada en Galicia pero tamén está aberta a expositores doutras comunidades ou países que queiran presentar os seus destinos de turismo activo ou deportivos.

“SPORTUR Galicia” será un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións e equipamentos aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan.

O espazo expositivo deste salón complementarase coa organización de actividades paralelas como seminarios e charlas especializadas (preparación física, prevención de lesiósn deportivas, nutrición, xestión de infraestruturas deportivas, …), presentación dos destinos turísticos participantes nesta cita, exhibicións deportivas, etc.  No ámbito profesional, organizaranse accións de networking entre empresas e potenciais compradores.

A paisaxe é a primeira motivación pola que o turista elixe a Galicia como destino e o I Salón do Deporte e Turismo contribuirá a promocionala como o mellor escenario posible para gozar do deporte e das actividades ao aire libre. Sendeirismo, atletismo, rafting, canoa, remo, vela, barranquismo, esquí e deportes de montaña, golf, escalada, probas BTT… teñen un valor engadido ao practicalos en Galicia.

As novidades de Sportur poderán seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com e dos seus perfís en Facebook e Twitter que estarán activos nos próximos días.