A edil de Cultura achéganos ao complexo labor de organización das Festas de Ourense.

Belén Iglesias: “A novidade fundamental é que a batalla de flores volve á súa orixe”

Aínda temos na memoria as festas do ano pasado e xa van comezar as deste 2017. Concertos, teatro, charangas, barracas, diversión e máis diversión. Iso son as festas de Ourense, uns días nos que os ourensáns disfrutaremos das rúas da nosa cidade porque en cada recuncho haberá un son máxico para cada persoa, da idade que sexa, de 0 a 99 anos.
Comezaremos co pregón de Sergio Pazos na praza Maior o sábado 24 de xuño ás 22 horas e dende entón arrancan dez días que sumerxirán a Ourense nun frenesí de diversión. Voltan as barracas, haberá novidades na batalla de flores, mercado medieval… todo cun orzamento parecido ao do ano pasado, 485.000 euros. A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, explícanolo polo miúdo.

O ano pasado foron as tuas primeiras festas, este 2017 é continuidade do anterior?
Belén Iglesias: “Hai algunha novidade pero o criterio é o mesmo, chegar a todas as idades e todos os gustos. Esa é a explicación porque hai actividades para os máis cativos, incluso para bebés, para nenos de 3 e 5 anos, e tamén para a xente máis maior. Todos os grupos que veñen adáptanse a cada unha destas idades, así acadamos que todos teñan o seu día e o seu reflexo nas Festas de Ourense. Esa é a explicación para que o programa inclúa pop, rock ou música indi”.

O prato forte serán os concertos, que organizastedes dende Cultura?.
B.I.: “Haberá concertos na praza Maior, praza San Martiño e praza do Ferro, con coordinación total nos horarios. Oito da tarde na praza de San Martiño, nove na praza do Ferro e dez e media na praza Maior. Ademais, a feira medieval volverá ás prazas do casco vello, salvo a da Trinidad, que polo seu acceso impedía acudir a algunhas persoas.
Xa se cambiou a ubicación do mercado medieval o ano pasado e este ano continúa igual.
Así mesmo, en 2016 apostamos polas orquestras en Progreso, á altura da Alameda, e este ano voltan. O sábado 24 estará o Grupo Assia; o venres 30, A Fórmula; o sábado 1, Olympus; e o domingo 2, para pechar as festas, o Combo Dominicano”.

Algunha novidade no programa deste ano?
B.I.: “A novidade fundamental é a batalla de flores que volve á súa orixe. Cando entramos nós no goberno había xa varios anos que non había esta batalla. Recuperámola o ano pasado pero dun xeito tradicional, coma se fose un desfile. Este ano recuperamos a batalla de flores de antano. Vai ter primeiro un espazo de desfile e outro de loita. Vai saír de Progreso, á altura do Obispado, cara o pavillón e ao chegar á glorieta de Concepción Arenal xira e volve ata a glorieta de Alférez Provisional, onde volve dar volta cara o pavillón. Nese momento atopánse as carrozas que veñen e as que van, comezando a loita con confetis e flores”.

Como se organizan estas festas?
B.I.: “O núcleo que as organiza son entre 10 e 15 persoas. Son un grupo excepcional, que poñen toda a súa ilusión para que todo saía perfecto. O ano pasado xuntámonos todo o equipo que as organizamos para valoralas xusto ao seu remate para aproveitar o que saíu ben e mellorar todo o  posible.
Todo isto conséguese adaptándonos ao orzamento, o máis pequeno de todas as cidades galegas, e cunha boa xestión. Este ano faremos o mesmo, ao rematar estas festas xa comezaremos coas do ano que vén, onde xa temos algunha orquestra e grupo reservado. Queremos planificar con tempo para poder atraer á xente cos mellores concertos, e co tempo ser un referente en Galicia”.

Voltan as barracas.
B.I.: “Si, esa é outra novidade nesta edición. Tras 16 anos volverán colocarse na zona do pavillón. O ano pasado uns xa tiñan decido ir ao San Xoán de Panxón e os outros na zona que lle ofrecíamos, o parque Barbaña, querían que o Concello puxera orquestras e o orzamento non o permitía, era moi costoso.
Pero con eles nunca houbo conflito nin problemas. Este ano tiven catro reunións con eles e foron moi ben. De feito, loitaremos para que o ano que vén volvan estar no pavillón, unha petición  que fixeron eles dende o primeiro día, por certo.
Esta cidade non ten tampouco moitos espazos onde poder pór as barracas. A Policía Local informa de que é viable esa ubicación e como é inviable ter un espazo para nenos con coches, esas rúas permanecerán pechadas todos os días das festas. Será un espazo de goce para as familias.
Pedimos certa comprensión polas rúas que se van pechar e os trastornos que ocasionará. Pero se queremos que Ourense sexa unha cidade que destaque polas súas festas, que sexa un referentes, temos que poñer todos algo da nosa parte, e pídolle á cidadanía comprensión ante estas decisións”.

Estamos dando os primeiros pasos para ter unhas festas que atraian visitantes?.
B.I.: “Si. Os propios hostaleiros trasladáronme que si tiveran turistas e xente de fóra de Ourense nas festa do ano pasado. Aproveito para darlle as grazas aos hostaleiros da praza Maior que teñen que retirar as terrazas para que haxa un maior aforo nos concertos. Todos desexamos que as festas pasen sen ningún percance e coa maior seguiridade posible e, por iso, se fai control de aforo de 3.500 peroas na praza Maior, temos unha ambulancia medicalizada para atender calquera percance ao momento. Invertimos todo o que podemos en seguridade. Quero dar as grazas a policía local, nacional, bombeiros, protección civil, servizo de limpeza a toda as persoas que participan pola súa colaboración e o interese que están pondo para que as festa sexan un éxito. Volvendo a pregunta, ogallá que as festas de Ourense algún día atraían turistas”.

Hai algo nestas festas que non esta incluído e houberas desexado?.
B.I.: “Igual ter algún concerto máis. O que queremos é ir medrando pouco a pouco. Cremos que imos na liña correcta”.