Coa inclusión da Vacina Pneumocócica “Conxugada”, para os que vaian cumprindo 65 anos, Sanidade quere protexer progresivamente fronte a pneumonía a toda a poboación maior e diminuír o número de casos.

Novo calendario vacinal para a adultos

Galicia e unha das primeiras Comunidades Autónomas en  establecer un calendario vacinal para adultos, que permite regular, dun xeito sistemático e programado, as distintas vacinas aconselladas a estes grupos de poboación, que se viñan poñendo desde os centros de saúde, incluíndo, como principal novidade, a vacina pnemocócica “conxugada”, para os que vaian cumprindo 65 anos, complementando así a que xa se oferta para maiores de 65 e grupos de risco. Así o explicou esta mañá en rolda de prensa a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar, e a subdirectora de Enfermería da Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Con esta ampliación da oferta de vacinas, gratuítas para os grupos diana, a Consellería de Sanidade pretende vacinar anualmente aos usuarios que cumpran 65 anos, coa vacina antipneumocócica conxugada trecevalente, de dose única. Medida que complementa a vacinación que xa se viña realizando sistematicamente, desde o ano 2000, dos maiores de 65 e grupos de risco, coa pneumocócica “polisacárida”, e que se mantén para os maiores desta idade.

Por tratarse dunha vacina establecida para os que cada ano cumpran os 65 anos, non é preciso acudir a vacinarse aos Centros de Saúde nos primeiros días, xa que disporán de todo o ano para facelo, polo que, os profesionais, programarán ordenadamente a vacinación dos usuarios desta idade que o desexen, e o precisen en función de si foron vacinados recentemente fronte a pneumonía.

Os interesados en vacinarse poden pedir cita no seu centro de saúde, polos mecanismos habituais ou, coincidindo cunha visita, comentalo ao seu médico ou enfermeiro de familia, que valorará a súa necesidade, tras consultar seu historial de vacinación, polo que de estar indicada, daralle información sobre como programar a vacinación.

Con esta iniciativa, a Dirección Xeral de Saúde Pública, ten por obxectivo acadar unha cobertura do 60% na poboación de 65 anos, o que suporía vacinar en toda Galicia a case 20.000 persoas desa idade.  A Consellería de Sanidade estima que, grazas a esta medida, se producirá unha maior diminución de casos de pneumonía, que podería chegar ata 2.600 casos  menos nun prazo de cinco anos, cunha diminución de ata 1.400 ingresos en toda a Comunidade Autónoma.

Calendario Vacinal para Adultos
Ademais da extensión da vacina antipneumocócica conxugada, para a poboación de 65 anos, o novo calendario recolle as recomendacións xerais para a poboación adulta,  no marco do compromiso do Goberno galego coa promoción e protección da saúde da cidadanía galega.

Segundo a delegada territorial “o obxectivo do calendario é aumentar as coberturas de vacinación na poboación adulta galega, e contribuír a un maior coñecemento das indicacións, e beneficios, das vacinas para toda a cidadanía, xa que teñen un efecto directo na saúde da poboación e supón un importante aforro de recursos asistenciais, evitando consultas e ingresos”.

Preténdese así estender aos adultos a experiencia positiva rexistrada co calendario de vacinación infantil, axudando a implantación sistemática, dentro da actividade asistencial diaria dos centros de saúde, orientando aos profesionais e usuarios sobre os beneficios das vacinas de cara a protección da saúde e o envellecemento saudable.

Valorar o risco individual de cada usuario
Díaz Mouteira explicou que o novo calendario agrupa e sistematiza as indicacións de vacina na poboación adulta, incluíndo á poboación sa, servindo como guía e apoio para que, tanto os profesionais como a poboación, identifiquen máis facilmente as vacinas indicadas en cada grupo de idade e de risco, facilitando seu cumprimento.

As vacinas incluídas no calendario de adultos: Tétano e difteria; Difteria-Tétano e Tose Ferina para embarazadas; Pneumocócica conxugada e polisacáridos; Hepatite B; Triple Vírica (sarampelo, rubeola e paperas); Varicela; Meninxite C; e Virus do Papiloma Humano, teñen unha indicación concreta en función da idade, condicións de saúde, vacinación realizada e factores de risco.

Estas indicacións valoran así o risco individual de cada persoa, como o estado de vacinación previo. De feito, a maioría dos maiores de 65 anos xa están vacinados fronte a pneumonía, non si, moitos o descoñecen, ou poden non ter unha vacina axeitada ao seu estado de saúde, polo que, esta iniciativa, mellorará tamén a actualización e sistematización dos rexistros de vacinas; permitirá ordear a introdución de novas vacinas; planificar campañas extraordinarias, ou mellorar o comportamento epidemiolóxico de distintas enfermidades, programando mellor a asistencia sanitaria.