Celébranse o vindeiro 29 de xullo no Concello de Baltar, con actividades lúdicas, deportivas e musicais e cun recoñecemento á doutora Olimpia Valencia, primeira médica xinecóloga de Galicia.

A IX Festa Popular e o festival “Laroucofest” homenaxean este ano á vida sa e á natureza

A IX Festa Popular e o festival musical “Laroucofest” do Concello de Baltar homenaxean este ano á vida sa e a natureza, eventos que se celebrarán o vindeiro 29 de xullo con actividades lúdicas, deportivas e musicais e cun recoñecemento á doutora Olimpia Valencia, primeira médica xinecóloga de Galicia.

Un especial significado ten este ano esta festa, na que colabora a Deputación de Ourense, coa homenaxe á doutora Olimpia Valencia, que será nomeada Filla Predilecta do Concello de Baltar, acto que se celebrará o mesmo día 29 de xullo, ás 18.45 horas, e no que se descubrirá unha placa na súa memoria no centro de saúde.

Xuntos aos xogos populares e ás actividades gastronómicas, que se desenvolven ao longo de toda a xornada, ás 12.00 horas celebrarase o campionato pre-europeo de parapente e, pola tarde, unha exhibición deste deporte e de paramotor. Xa pola noite, ás 22.00 horas, dará comezo o festival “Laroucofest” coas actuacións dos grupos: “Os da porfía”, “Tanto nos ten”, “The tetas van” e “Sacha na horta”. Finalmente, ás 23.00 horas terá lugar unha proba voluntaria de alcoholemia.