Os nacionalistas levarán a súa proposta como emenda da moción de Democracia Ourensana que se debatirá no pleno o vindeiro venres.

O BNG non concorda coa proposta de Democracia Ourensana de rebaixar o IBI nun 20% «dado que esta medida beneficiaría especialmente aos promotores que teñen varias vivendas froito da especulación e da burbulla inmobiliaria».

Dende o grupo municipal nacionalista piden unha reforma de todo o sistema fiscal do Concello no senso de buscar a progresividade á hora de afrontar as obrigas tributarias. «O BNG sempre defendeu que pague máis quen máis ten e por isto consideramos que o feito de rebaixar o 20% no IBI non contribue á progresividade dos impostos», indican nun comunicado.

A última proposta que fixeran a este respecto,  no mes de agosto, fóra rexeitada. Daquela solicitaban incluir no cobro do IBI aquelas propiedades pertencentes á Igrexa católica que non están exentas; incrementar até os 20 euros a cota líquida con dereito a exención do IBI no caso dos inmobles urbanos ou conxunto de inmobles rústicos dun mesmo suxeito; para os inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente (no caso de segundas, terceiras e demais vivendas dun mesmo suxeito) esixir un recargo sobre a cota líquida do imposto dun 50%; en canto ás bonificacións, as vivendas de protección oficial e equiparables terán unha redución do 50% da cota mentres se manteña esta cualificación; e finalmente, a redución no caso de domiciliación do pagamento increméntase até un 3%.

Os nacionalistas queren abrir de novo o debate e por iso plantexan as súas propostas como emenda «por se algún grupo político mudou o seu posicionamento».