Urxencias CHUO

A Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense defende que o aumento dos ingresos estase asumindo con “normalidade” mentres Comisión de Centro e PSOE denuncian que o servizo de Urxencias está desbordado.

 

O funcionamento do servizo de Urxencias e dos ingresos no complexo hospitalario ourensán a raíz do repunte da onda de gripe volve enfrontar á Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense cos representantes sindicais e partidos da oposición.

Segundo explicaron os responsables da sanidade pública en Ourense, desde comezos das festas de Nadal notouse un progresivo incremento da actividade na rede sanitaria da provincia. Este aumento de atencións e ingresos, especialmente nos Servicios de Medicina Interna e Neumoloxía, responde a unha “normalidade estacional”, explican, “e si ben pode xerar un aumento nos tempos de atención das patoloxías máis leves ou banais, convén lembrar que en Ourense está implantado un sistema de Triaxe que garante con criterios clínicos a atención en función da urxencia e súa prioridade asistencial”.

Sinala a Xerencia que para atender o importante volume de pacientes ingresados neste período de repunte de gripe “están habilitadas o 100% das camas dispoñibles tanto no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense como no Hospital Comarcal de Valdeorras”. E que en todo caso, o aumento de atencións urxentes nos hospitais que xera un incremento dos ingresos e conseguintemente unha maior demanda de camas “se está asumindo con normalidade, grazas a profesionalidade e esforzo de todo o persoal”.

Segundo o último Informe de Vixilancia Epidemiolóxica da Gripe, levamos xa catro semanas cunha intensidade media, crecente da onda epidémica, sendo probable que academos o pico de gripe esta mesma semana, para comezar a descender a partir da vindeira.

“Colapso” de urxencias no CHUO, segundo a Comisión de Centro
Diferente visión é a que facilita a Comisión de Centro do CHUO, que denuncia “o emperoamento do colapso” no servizo de Urxencias e no complexo hospitalario debido á política da Xerencia baseada “en recortes de persoal e material co correspondente deterioro da calidade asistencial”.

A representación do persoal sanitario denuncia que segue sen haber camas libres en todo o complexo, “quedando ingresos na Sala B de Urxencias e os doentes en observación nos boxes”, e que a demora na atención urxente chega a ser de máis de 10 horas. Tamén chaman a atención sobre a falta de roupa de cama en todo o complexo e sobre carencias nalgunhas medicacións, de material básico na atención aos doentes como apósitos ou mascarillas ou de material de laboratorio.

A xuízo da Comisión de Centro, “todas estas carencias conlevan a disminunción da seguridade e a calidade na atención aos doentes, ata o extremo de que estanse multiplicando os reingresos”. Para os representantes dos traballadores esta “era unha situación máis que previsible, demostrando así, unha vez máis, a inoperancia e falla de criterio da Xerencia”, polo que volven solicitar o cese ou dimisión do equipo directivo actual.

O PSOE denuncia “altas temerarias”
A estas críticas súmanse ás da portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, Carmen Acuña, quen alertou este xoves das “altas temerarias” dos pacientes no Servizo de Urxencias do Hospital de Ourense para “tratar de desconxestionar a saturación de doentes na planta de Medicina Interna”.

Acuña sinalou que os doentes que teñen que ingresar dende un servizo de urxencias “totalmente desbordado”, baixo o criterio dos especialistas, son revisados posteriormente pola xerencia, que “só busca impedir os ingresos co fin de facer fronte á saturación do centro hospitalario”. O caso é que a día de hoxe, dixo a socialista, en Medicina Interna están a atender mais de 300 ingresos, da orde de 30 ou 40 por cada internista, unha cifra que chega a ser “absolutamente imposible de xestionar”.