Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil por varios veciños da localidade.

A asociación ecoloxista Amigos da Terra denuncia o «cruento espectáculo no que mozos da vila arrincaban coas súas propias mans as cabezas duns galos que penduraban dunha corda colgados das patas» que tivo lugar no concello da Mezquita dentro da programación da Festa de Reis.

Dende Amigos da Terra manifestan a súa «máis contundente repulsa e condena deste feitos», que considera unha clara vulneración da Lei 1/1993 de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade na que considera como infracción moi grave «o maltrato dos animais que lles cause a morte» e a «a organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos». O réxime sancionador impón multas de entre 5.001 e 30.000 euros para as persoas que a infrinxan esta Lei con tipoloxía moi grave, como é o caso.

Polo tanto Amigos da Terra solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que é a administración pública que ten as competencias na materia, que investigue a autoría destes feitos e impoña as sanción pertinentes con toda a severidade que estas reprobables actuacións merecen.

Igualmente puxo en coñecemento da Fiscalía da Audiencia Provincial estes feitos que poderían corresponder co tipificado no Código Penal, no seu artigo 337, relativo a maltrato animal e que no que se especifica «el que por cualquier medio o procedimiento maltrate injustificadamente a un animal doméstico o amansado, causándole la muerte o lesiones que menoscaben gravemente su salud, será castigado con la pena de tres meses a un año de prisión e inhabilitación especial de uno a tres años para el ejercicio de profesión, oficio o comercio que tenga relación con los animales” e que investigue a súa autoría e en función dos resultados da mesma se inicien os procedementos xudiciais para a imposición do seu correspondente castigo penal.

Dende este colectivo denuncian que non é posible ningún tipo de xustificación para o maltrato animal, «máxime cando se converte nun bochornoso espectáculo público, e consideramos especialmente vergoñento parapetarse na escusa dunha tradición cultural. A tortura non é arte nin cultura».