Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, participou este venres na presentación oficial da campaña promocional para o 2015 da cámara municipal portuguesa de Ponte de Lima.

Xantar e Galicia estiveron representadas coa presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, do presidente da Cámara de Comercio de Ourense e do comité executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, e do director xerente de Expourense e director de Xantar, Alejandro Rubín.

O obxectivo da campaña ”Em Época Baixa, Ponte de Lima em Alta” é, segundo indica o alcalde desta localidade, Victor Mendes, «a promoción e dinamización de Ponte de Lima, coa finalidade de converter a esta rexión nun produto turístico atractivo, diferenciado e o máis competitivo posible no que a gastronomía é un piar básico á hora de atraer visitantes». Dentro desta campaña, que inclúe a organización de varios eventos gastronómicos durante os vindeiros meses, destaca a promoción de Ponte de Lima en Galicia a través da súa presenza activa en Xantar 2015 que contará cun stand promocional e cun día adicado. O Salón Internacional de Turismo gastronómico celebrará a súa 16ª edición en Expourense entre os días 4 e 8 de marzo vindeiros. Ademais, durante estes eventos gastronómicos, Xantar terá tamén un espazo para promocionarse e atraer ata Ourense a visitantes portugueses.

Coa participación na presentación desta campaña, Xantar reforza o seu papel de ponte transfronteiriza xa que se trata dunha cita que conta, dende a primiera edición coa implicación de Portugal. Un exemplo é o feito de que máis do 20% do total de expositores da última edición procedían do país luso aos que hai que sumar un importante número de visitantes portugueses.