Tereixa Paz e Susana García

Os nacionalistas pídenlle a Feijoo que cese á xerente da Área de Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez.

A deputada do BNG Tereixa Paz e a concelleira en Ourense Susana García compareceron ante os medios este luns para denunciar a situación de colapso que se vive nas últimas semanas nos PACs e servizos de urxencia do CHOU, que atribúen a “unha deriva de deterioro estrutural da atención sanitaria”.

Segundo Paz, as urxencias non están debidamente dimensionadas e tampouco en Atención Primaria se repón o persoal. “A semana pasada, desde o xoves pedías vez e dábanche para mércores ou xoves desta, o cal obriga a acudir as urxencias”, explica a parlamentaria nacionalista. “Por primeira vez na histora hai listas de espera en Atención Primaria con carácter estrutural”, recalca Paz.

As políticas nacionalistas tamén salientan a falta de camas para crónicos, algo que xa advertiran no seu día, cando se as 72 camas do hospital Piñor se destinaron a uso psiquiátrico; e a “especialmente crítica situación da atención especializada”, segundo Susana García, en particular nos servizos de Psiquiatría infantil, onde non se cubren as baixas dos profesionais, e Neuroloxía infantil, onde se suprimiu unha das tres prazas dispoñibles.

Ademais, Tereixa Paz acusou aos xestores da sanidade pública ourensá de “intentar maquillar” os datos da listas de espera do segundo semestre de 2014, “con instrucións aos médicos de que manipulasen a data de cita idónea”. Por iso reclaman a dimisión de Eloína Núñez, xerente da Área de Xestión Integrada de Ourense, ou ben que o presidente da Xunta a cese.

Debate no Parlamento e no Concello
Por iso presentaron unha proposición non de lei urxente para debatir no Parlamento galego. A través dela, o BNG quere instar á Xunta a elaborar unha auditoría da situación real da lsita de espera; revogar as instrucións en relación coa manipulación da data idóena de atención aos pacientes; incrementar de forma inmediata a dotación de persoal no servizo de Urxencias; avaliar, nun prazo non superior a un mes, as necesidades de persoal existentes en atención primaria, hospitalaria e especializada; e analizar a necesidade de camas de hospitalización.

Pola súa banda, no Concello de Ourense presentarán para o seu debate no pleno de febreiro unha moción para instar á Xunta a que “repoña os medios necesarios para que a atención sanitaria non se siga degradando”, explicaba a concelleira Susana García.