Protesta CCOO sobre Seguridade Social

CCOO informa que, na provincia de Ourense, hai na actualidade neste ámbito uns 340 empregados e empregadas públicos, perdéndose nos últimos anos máis dun 8% do emprego.

 

Delegados de CCOO, acompañados de Ignacio Galán, secretario xeral da Sección Sindical Estatal de CCOO do INSS/TESOURARÍA, despregaron varias mesas de recollida de sinaturas diante da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) de Ourense cidade para que os empregados públicos e os usuarios poidan manifestar expresamente o seu rexeitamento ás privatizacións que, neste ámbito, está implantando o goberno estatal «con grave prexuízo tanto para o emprego público como para os usuarios e usuarias destes servizos públicos».

Estas accións forman parte da campaña estatal que iniciou o sindicato a mediados de novembro para informar a toda a plantilla da Seguridade Social e coa finalidade de recoller sinaturas contra as externalizacións e en defensa dunha Oferta Pública de Emprego.

CCOO quere dar traslado á opinión pública do seu «máis absoluto rexeitamento ás políticas de privatizacións» da Seguridade Social ao tempo que lle esixe aos xestores políticos dos Ministerios de Emprego e de Seguridade Social, e de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, «a apertura urxente dun proceso de negociación co obxecto de acabar co inxente déficit de persoal existente que lastra e imposibilita un correcto desempeño de funcións e cometidos».

CCOO demanda que se aposte por unha Oferta Pública de Emprego «ampla e suficiente» como o mellor instrumento «para garantir o sostemento dun servizo público de calidade».

Unha vez recollidas as sinaturas de todas as provincias, o sindicato iniciará unha campaña mediática e institucional denunciando as privatizacións deste servizo público e o cada vez maior deterioro das condicións laborais na Seguridade Social.