A Asociación o Vierio Leboreiro celebrará este acto o sábado 17 de xaneiro ás 19 horas no Salón de Actos da Fundación Aquae Querquenae de Bande.

 

A Asociación o Vierio Leboreiro celebrará (este sábado 17 de xaneiro a partir das 19 horas no Salón de Actos da Fundación Aquae Querquenae de Bande) a entrega dos premios aos mellores traballos que se presentaron á terceira edición do Concurso de fotografía e debuxo “O Bosque Máxico”, que comprende os montes, fragas e vales das nosas comarcas de Terras de Celanova e Baixa Limia.

Na presente edición foron un total de 3.664 creacións as que se presentaron a concurso, procedentes de 223 autores.

Así mesmo, nesta ocasión organizouse unha exposición que recolle “a capacidade creativa das xentes destas dúas comarcas do suroeste da provincia de Ourense”, aseguran dende a asociación, e que se disporá ao longo deste salón para mostrar obras en escultura, pintura, tallado en madeira e cristal, forxa e cestería.

Así mesmo, durante o acto de entrega os asistentes gozarán do acompañamento de música tradicional, artic-folk e unha coral polifónica. Ademais, haberá trucos de maxia e “escapismo”, e por suposto mostra de traballos filmográficos de terceira xeneración, como a webserie “El Quid” dos celanoveses Bruno Nieto e Raúl García.

“Unha pequeña homenaxe e posta en valor do inxenio, capacidade creativa e iniciativa das nosas xentes”, conclúen dende a organización.