A deputada Carmen Acuña denuncia que o goberno responsabilice a unha gripe que é “a mesma de todos os anos fronte a unha sanidade deprimida polos recortes e a súa mala xestión”.

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, reclamoulle este xoves a Feijóo que “libre a Ourense da nefasta xestión sanitaria que está a colapsar os hospitais públicos grazas aos efectos combinados dos recortes de Feijóo coas decisións da conselleira e a xerente da área sanitaria, a súa curmá Eloína Núñez».

Acuña advertiu que o colapso das urxencias nos hospitais galegos repítese en Ourense, onde se mantén «dende fai mais días e co colapso engadido dos servizos de medicina interna e neumoloxía e o aumento inasumible das esperas en Atención Primaria». Dixo así que este servizo está a dar cita con quince días de retraso nos centros de saúde semiurbanos e “moito maior nos mais urbanos”.

Como exemplo da nefasta xestión da área sanitaria sinalou que fronte á falla de camas seguen sen abrir a “planta – colchón” do Hospital Piñor comprometida pola xerencia no momento de pechalo. A realidade, dixo Acuña, é que “a carencia de camas chega a tal punto que tiveron que abrir o nódulo penitenciario, pedindo permiso a Interior para utilizar as camas reservadas para os presos”.

A responsable socialista dixo que “o colapso pasará antes ou despois, a gripe amainará mais pronto ou mais tarde, pero quedarán as complicacións e as secuelas para a saúde de moitos doentes e o grave deterioro do clima laboral”. A situación afecta especialmente a enfermería e aos médicos e médicas de determinados servizos, “fartos do maltrato por parte da administración pública, e que traballar situación límite acaba coa súa motivación”.

Criticou que o goberno chegue a responsabilizar ao persoal por estar de vacacións “cando a realidade é que se reincorporaron cando foron chamados, pero non son suficientes para tapar os buratos que deixaron os recortes de persoal e medios que ten asestado o goberno galego, que se nega a cubrir as vacantes e persiste na diminución das plantillas obrigando aos profesionais en idade de xubilación a abandonar os seus postos.

Acuña amosou a súa solidariedade cos doentes, aos que felicitou por un “comportamento exemplar”, ademais de solidarizarse coa situación dos profesionais e “agradecer o seu esforzo e compromiso” nunha situación que se está a revelar como “insostible”.