Este documento implica medidas e actuacións por un investimento de 2,6 millóns de euros. O plan consta de catro eixes prioritarios: a imaxe e identidade da Reserva da Biosfera, o desenvolvemento socioeconómico, a conservación da natureza e a participación social e integración da comunidade.

 

A Xunta de Galicia e a Rexión Norte de Portugal aprobaron o Plan de Acción da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés na Comisión de Dirección Transfronteiriza da Reserva, no marco do traballo coordinado entre Galicia e Portugal para a posta en valor desta reserva.

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, asistiu á reunión da Comisión de Dirección da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés-Xurés, na que sinalou que grazas a este documento, cuxo horizonte temporal é ata o ano 2020, realizarase un investimento global de 2,6 millóns de euros. A planificación contempla que a posta en marcha do Plan de acción sexa inmediata cunha partida orzamentaria que neste 2015 chegará aos 314.500 euros.

O plan está deseñado en base a catro eixes prioritarios de actuación: imaxe e identidade da Reserva da Biosfera, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza e participación social e integración da comunidade e dos actores que interveñen nesta Reserva da Biosfera Transfronteiriza.

Este plan de acción permitirá promover medidas que poñan en valor a flora da reserva da biosfera, que se caracteriza por amplas matogueiras e o bosque caducifolio, con numerosos endemismos vexetais. En relación coa fauna, contabilízanse un total de 235 especies de vertebrados. No caso dos anfibios e reptís podemos citar á pínteaga rabilarga, a lagarta ibérica e a culebra viperina.

Os encoros situados no ámbito son o hábitat de importantes poboacións de aves, como o mergullón pequeno, o lavanco e a tartaraña cincenta. Tamén se observa a presenza da aguia real, falcón pequeno, azor, gabián, aguia cobreira, lagarteiro, cuco, peto real e cirrio común.

Ademais de especies cinexéticas como xabarín, corzo, paspallás, lebre ou coello; mentres que os mamíferos están representados polo lobo, cabra montés, musgaño común, tourón, londra, xeneta, gato montés e donicela.

A Reserva da Biosfera inclúe asemade un importante conxunto de tipos de hábitats de interese comunitario cun total de 29 tipos, dos cales 6 son considerados prioritarios.

Dende a Xunta recoñecen que o plan aprobado este venres servirá de guía para o desenvolvemento deste espazo natural, implicando á poboación nas medidas de protección e conservación e facendo que estas sexan compatibles co desenvolvemento socioeconómico dos concellos implicados.

A directora xeral recordou que a Xunta ten un compromiso coa consecución dunha Galicia máis verde e mellor para vivir que, por suposto, inclúe a toda a provincia de Ourense, de aí que se destinen 560.000 euros á mellora dos espazos naturais dunha trintena de concellos desta provincia que están integrados na Rede Natura 2000.