O órgano executivo do Consello Termal constituirase o martes na Casa do Concello de Cortegada, onde celebrará a súa primeira xuntanza. Na orde do día desta reunión figura a distribución aos membros, do Plan Termal “Ourense, á provincia termal”.

Este comité executivo celebrará reunións alomenos cada dous meses e está integrado pola Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Goberno central, o Concello de Ourense, a alcaldesa de Lobios (representando aos demais concellos da provincia por ser a presidenta da sección de Vilas Termais da FEMP), o Campus de Ourense (Campus da Auga) e o sector privado por medio da CEO e da Asociación de Balnearios. Tamén asistirá o autor do plan termal, Mario Crecente. Ao remate da reunión os membros do Comité Termal visitarán o estado actual das obras do balneario de Cortegada.

Pola súa banda, o Consello Termal celebrará a súa seguinte xuntanza o 22 de marzo, Día da Auga, no balneario de Baños de Molgas. A súa función é velar polo cumprimento do Plan “Ourense, a provincia termal” e conta entre os seus integrantes con representantes da Xunta de Galicia, do Goberno central, do Concello de Ourense e municipios con vilas termais, así como do Campus de Ourense, da Asociación de Balnearios, da Confederación de Empresarios de Ourense e da Cámara de Comercio de Ourense, do Inorde, Expourense e representantes empresariais do sector termal.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reafírmase “na aposta do goberno provincial a prol do termalismo” e proba delo é que en 2015 “a Deputación de Ourense vai destinar un mínimo de 1,5 millóns de euros para a execución do Plan Termal, e a maiores disporase de 500.000 euros para esa liña de axudas para infraestruturas termais para os concellos (en suma, 2 millóns de euros), cantidades que se completarán co remanente de tesourería que agardamos ter”.

Baltar lembra que unha das grandes novidades de 2015 “será a internacionalización do noso termalismo, pois seremos a primeira administración que porá en marcha un programa de “Termalismo Social Transfronteirizo”, que abrirá novas posibilidade aos nosos balnearios e permitirá aos nosos veciños portugueses a súa plena participación no mesmo”.