Xuntanza Comité Termal

O órgano, que se encargará do seguimento do Plan “Ourense, a provincia termal”, constituíuse en Cortegada.

Na reunión, os membros que integran o comité recibiron o documento do Plan Termal “Ourense, á provincia termal” -validado pola Xunta de Galicia- para que cada administración coñeza cales son as súas obrigas e competencias no desenvolvemento desta iniciativa.

Ademais diso, na xuntanza o presidente da Deputación Manuel Baltar deu conta da aprobación o venres pasado en Xunta de Goberno da orde de axudas enmarcadas no programa de “Termalismo saudable” e das infraestruturas e obras planificadas no ámbito termal, entre as que figuran a piscina fluvial de Laias e un paseo termal no parque do Carballiño. Asemade, Baltar informou da presentación que a Deputación de Ourense realizará do Plan Termal en Fitur o vindeiro 29 xaneiro, e da xuntanza que onte mantivo coa ministra de Fomento, Ana Pastor, na que acordaron asinar novamente este ano o convenio entre a Deputación de Ourense e Renfe para a oferta de “Viaxes termais”, que permitirá aos visitantes coñecer as excelencias do termalismo da provincia por medio dun programa de estancias e tratamentos nos establecementos balnearios de Ourense.

Na xuntanza os demais integrantes do Comité Termal Ourensán fixeron as súas achegas na liña de seguir potenciando e promocionando as actividades e as infraestruturas termais da provincia, e tamén se preparou a que vai ser a vindeira reunión do Consello Termal, que terá lugar o 22 de marzo, Día Internacional da Auga, no balneario de Baños de Molgas.

O Comité Termal Ourensán, o órgano de xestión ordinaria encargado do seguimento do Plan Termal, celebrará reunións alomenos cada dous meses en diferentes balnearios da provincia. Está integrado pola Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Goberno central, o Concello de Ourense, a alcaldesa de Lobios (representando aos demais concellos da provincia por ser a presidenta da sección de Vilas Termais da FEMP), o Campus de Ourense (Campus da Auga) e o sector privado por medio da CEO e da Asociación de Balnearios. Na reunión tamén participou o autor do plan termal, Mario Crecente, e ao remate da mesma os membros do comité visitaron as obras do balneario de Cortegada.

[Fotografía de Alberte Paz]