Inundacións, temporais de choiva ou neve, búsqueda de persoas desaparecidos, incendios e accidentes foron algúns dos operativos non programados aos que se deu resposta a través do servizo.

 

Un total de 226 operativos requeriron durante o ano 2014 a colaboración do servizo de Protección Civil do Concello de Ourense. Así o recolle a memoria xeral do servizo, que foi integrado durante o ano 2014 no servizo de extinción de incendios e salvamento.

Participaron no servizo, durante o ano, un total de 126 homes e 38 mulleres, sumando un total de 164. Dentro do equipamento móbil dispoñible, atópanse dous todoterreos, un posto sanitario avanzado, unha furgoneta, dúas ambulancias, dous remolques, catro bicicletas e dúas motos sanitarias.

Ao longo do ano, o servizo participou nun total de 226 operativos, 170 programados e 56 non programados. Os operativos programados consistiron en concertos musicais, desfiles, festas patronais, vixilancia no río e nas termas, simulacros, eventos xuvenís e programa de feiras Expourense. Dentro das actividades deportivas, os membros de protección civil colaboraron en carreiras pedestres, andainas, concentracións de motos, probas ciclistas e ralis, entre outras.

Neste ano, Protección Civil prestou servizo na praia da Antena, en Outariz, na Chavasqueira, na piscina pública de Oira, no Muíño da Veiga e na piscina Rosario Dueñas.

A maiores, houbo operativos non programados en resposta a incidencias meteorolóxicas, como inundacións, temporais de choiva ou neve; búsqueda de persoas desaparecidas, rescate subacuático no río Miño, incendios, accidentes de tráfico ou fugas de gas.

Formación 2014 e servizo de ambulancias

A formación de Protección Civil é impartida pola AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) da Xunta de Galicia. Participaron en cursos de actualización de primeiros auxilios, loita contra incendios, formación en desfibrilación, búsqueda e salvamento, etc. Así mesmo, durante o ano 2014, o servizo realizou un total de 487 servizos con ambulancias do Concello de Ourense, a petición do 112 e do 061.

Plan de Emerxencia Municipal

En xullo do ano 2014, quedou constituída a Xunta local de Protección Civil como órgano deliberativo e de asesoramento en materia de protección civil no Concello de Ourense, para a elaboración do PEMU (Plan de Emerxencia Municipal). Así mesmo, créase unha oficina no Concello de Ourense e un equipo de traballo para este labor, que prevé a súa finalización ao longo do presente ano.