Ovidio Rodeiro no Divina Pastora

O director xeral de Xuventude e Voluntariado participou nun encontro con responsables educativos do colexio ourensán.

O obxecto da reunión foi coñecer as accións que en materia de acción voluntaria se están levando a cabo no centro educativo, que se incorporou este ano ao proxecto de centros solidarios.

Ovidio Rodeiro indicou que “o principal obxectivo do programa é promover valores de solidariedade, participación e compromiso social entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado), e favorecer que os escolares se comprometan como voluntarios a través dunha metodoloxía activa e participativa, que fomente o traballo en equipo e achegue ao alumnado a realidade do voluntariado”.

Pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas, xa desde a escola ou o instituto “son capaces de ofrecer un servizo valioso e necesario á sociedade”, segundo engadiu o responsable autonómico.

Cada centro escolar desenvolve con liberdade o seu proxecto solidario ou programa propio de voluntariado, ben a través dun proxecto único que repercute no mesmo centro ou no seu alumnado, ou ben realizado en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Todos os participantes recibirán un certificado acreditativo da acción realizada, que se inscribirá como experiencia neste Rexistro.

Un total de 1.250 mozos e 90 profesores
Neste curso académico 2014-15, son un total de catorce os centros de ensino que forman parte activa da Rede de Centros Escolares Solidarios.  En total, participan 1.250 mozos e mozas e 90 profesores.