A comparsa gañadora recibirá un premio de 900 euros e o rei ou raíña do entroido recibirá 600 euros.

 

O Concello de Ourense abre o prazo para inscribirse no concurso de Comparsas do Entroido 2015 e a elección de Rei ou Raíña. Este concurso convócase coa vontade de contribuír a dinamizar a vida cultural de Ourense e axudar ás asociacións e particulares a manter esta festa de gran arraigo na nosa cidade.

As bases do concurso foron aprobadas onte na Xunta de Goberno Local e nelas se recolle a intención de axudar a manter unha histórica tradición. O entroido celebrarase dende o 13 ao 18 de febreiro e o desfile será o domigo día 15 de febreiro.

Para este concurso establécense os seguintes premios por categorías: o premio ao rei ou raíña de 600 euros; para as comparsas con menos de 10 compoñentes: 1º premio de 400 euros, 2º premio de 300 euros e 3º premio de 200 euros; e para comparsas con máis de 10 compoñentes: un primeiro premio de 900 euros, un 2º premio de 700 euros e un 3º premio de 500 euros.

Haberá unha serie de premios especiais, cun importe de 300 euros, para a comparsa máis numerosa, a máis ocorrente ou graciosa, coa mellor animación, ao mellor deseño e a mellor música.

Tamén haberá axudas para todos e todas os participantes que completen o desfile e non acaden ningún premio segundo os seguintes criterios: para as carrozas: 120 euros; para as comparsas: de 5 a 9 compoñentes, 60 euros; de 10 a 19 compoñentes por importe de 90 euros; de 20 a 29 compoñentes, 120 euros; de 30 a 39 compoñentes, 150 euros; de 40 a 49 compoñentes, 180 euros; de 50 compoñentes en adiante; 210 euros.

As inscrición das carrozas e/ou as comparsas poderase realizar dende mañá, e ata o día 12 de febreiro, na Concellería de Cultura e Educación, sita na Praza de San Martiño, en horario de oficina de 9.00h a 14.00h, por teléfono no 988 388 136 ou no enderezo electrónico cultura@ourense.es