Constitución Fundación Blanco Amor

O padroado da Fundación Eduardo Blanco Amor celebrou este luns na Deputación de Ourense a súa reunión constitutiva, na que se aprobaron os estatutos da fundación, que recollen as atribucións e obrigas do padroado, o réxime económico da fundación, os aspectos legais e os fins e beneficiarios da mesma.

 

Os patróns da fundación son: a Deputación de Ourense, representada polo seu presidente, Manuel Baltar, quen exercerá a presidencia do padroado; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián e María Concepción Bóveda Gomez, en representación da familia de Eduardo Blanco Amor; a Xunta de Galicia, representada polo titular da consellería con competencias en materia de Cultura, neste caso por Xesús Vázquez; o Concello de Ourense, representado pola concelleira Ana Garrido; a Real Academia Galega, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, coa asistencia desta volta do seu presidente, Xesús Alonso Montero; a editorial Galaxia, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, representada por Xosé Manuel Soutullo, e o Centro Pen Galicia, representado polo seu presidente, Luís González Tosar.

Manuel Baltar salientou que a Deputación de Ourense nos orzamentos de 2015 –aprobados en outubro de 2014- “xa destina unha partida inicial de 30.000 euros para o desenvolvemento de actividades ao redor da figura de Blanco Amor e para a constitución da fundación”, e engadiu que a reunión de hoxe “foi de absoluta unanimidade, aceptando integrarse na fundación as administracións presentes, e por suposto, a familia de Blanco Amor, e tamén para a aprobación dos estatutos, e co acordo igualmente unánime de converter este ano 2015 non só de inicio de actividades da fundación senón tamén seguir na procura de transmitir o legado de Blanco Amor e promover e difundir a súa obra”.

Os fins da Fundación Blanco Amor, segundo recollen os estatutos son: a conservación e difusión da obra e o legado do escritor Eduardo Blanco Amor; a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura; o xornalismo, a lingua galega, as artes, en especial a fotográfica, e os estudos históricos e políticos; a dinamización e promoción sociocultural da provincia de Ourense, e a potenciación e difusión da cultura e a realidade sociocultural de Ourense, en particular, e Galicia, en xeral; no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.

Entre as actividades que vai desenvolver a fundación figuran a catalogación, e o desenvolvemento e conservación do arquivo documental e biblioteca, e de toda a información relacionada coa figura de Blanco Amor; a divulgación da súa obra e das obras da súa colección privada e do seu arquivo documental e biblioteca; a formación de artistas e estudosos nos eidos anteriores e calquera outros relacionados cos mesmos; a realización de actividades de fomento nos ámbitos cultural e social no exterior, e a captación dos fondos económicos necesarios para levar a cabo as súas actividades.

[Fotografía de Alberte Paz]