Manuel Baltar e Santiago Novoa

O banco achega 17,4 millóns de euros en financiamento vantaxoso a empresas, familias e corporacións locais da provincia ourensá.

 

O Plan Activamos/Transforma Ourense, impulsado por ABANCA en colaboración coa Deputación de Ourense, permitiu entre agosto pasado e xaneiro de 2015 a inxección de 17,4 millóns de euros no tecido económico e social desta provincia.

Os datos do primeiro balance deste plan, que foron presentados polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, revelan que nove de cada dez créditos tramitados foron con empresas. En total, este programa de axuda permitiu o acceso ao financiamento a máis de 360 empresas ourensás –fundamentalmente pemes e autónomos- por un importe global de 10,8 millóns de euros.

A maioría destas operacións canalizáronse a través de préstamos para novos investimentos e para emprendedores, seguidos de pólizas de crédito para atender necesidades de circulante. O importe medio dos créditos foi de 34.000 euros.

As familias da provincia de Ourense que recorreron hasta agora ao Plan Activamos /Transforma Ourense para obter crédito destinárono, na súa maioría, a financiaren actuacións de mellora da eficiencia enerxética no fogar e a actividades de formación. O importe medio dos préstamos foi de 11.000 euros.

O terceiro segmento ao que se dirixe o Plan Activamos/Transforma Ourense, as corporacións locais e organismos autónomos desta provincia, recibiron máis de 4,8 millóns de euros dende agosto pasado, mes no que se puxo en marcha esta iniciativa. Nestes casos, o crédito solicitouse maioritariamente para a realización de investimentos, aínda que tamén se formalizaron operacións de crédito para obter liquidez ou reestruturar débeda. As corporacións ourensás que se acolleron ata o momento a este plan solicitaron, de media, 318.000 euros.

Manuel Baltar e Santiago Novoa coincidiron en cualificar as primeiras cifras do plan como “moi positivas”, tanto polo elevado volume de operacións tramitadas como polo destino do crédito, que se dirixiu, principalmente, ao tecido produtivo ourensán.

Manuel Baltar destacou a súa completa satisfacción polo balance do Plan Activamos/Transforma Ourense “porque as Pemes e os emprendedores de Ourense recolleron a luva lanzada pola Deputación e ABANCA. O feito de que máis do 50% dos fondos que este plan pon a disposición dos ourensáns teña sido xa tramitado quere dicir que en Ourense hai potencia suficiente para seguir apostando polo futuro da provincia”. Baltar afirmou que a creación de postos de traballo e a dinamización económica “son obxectivos deste plan, que continuaremos impulsando nos próximos meses e para o cal, no futuro, nos comprometémonos a chegar a un novo acordo con ABANCA para relanzalo, unha vez que se tramiten os 30 millóns de euros destinados nesta primeira fase”.

Santiago Novoa resaltou que este programa financeiro “está cumprindo con creces o seu obxectivo: contribuír ao progreso das pequenas empresas, os autónomos, as familias e as corporacións locais da provincia”. O directivo de ABANCA lembrou que as modalidades de crédito incluídas no Plan Activamos /Transforma Ourense “contan con tipos de xuro moi vantaxosos en relación á oferta bancaria actual, carecen de comisións de apertura, estudo, amortización e cancelación anticipada, e teñen posibilidade de carencia”.

[Fotografía de Alberte Paz]