O xefe do parque móbil, José Fírvida, sinalou que con esta nova ferramenta tecnolóxica “amosamos os recursos que xestionamos, como os xestionamos e as tarefas que realizamos”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xefe do Parque Móbil e de Maquinaria da institución provincial, José Fírvida, presentaron a páxina web do parque móbil e de maquinaria, unha ferramenta tecnolóxica que a institución provincial pon a disposición dos cidadáns e dos concellos da provincia para prestar servizos neste ámbito con máis eficacia, celeridade e inmediatez.

A nova web, que se pode consultar a través dun enlace no portal da Deputación de Ourense, “supón un paso máis na estratexia de transparencia da Deputación de Ourense, a cal foi a primeira administración provincial que fixo pública relación da súa flota vehículos e que agora, coa posta en marcha desta web da a coñecer a importante carteira de servizos que realiza o parque móbil e de maquinaria nos ámbitos de vías e obras, e do medio ambiente, entre outros sectores, así como no que atinxe a trámites telemáticos, localización de vehículos mediante GPS, recollida de incidencias e información ao instante do estado das estradas na provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar hoxe na presentación da páxina web.

O parque móbil e de maquinaria da Deputación de Ourense conta con 101 traballadores e cunha flota de 256 vehículos (lixeiros, de transporte-elevación e maquinaria) que realizan labores para os concellos da provincia que solicitan servizos relacionados con: transporte de mercadorías, transporte de terras e outros materiais, traballos en altura mediante camión con cesta, traballos con camión guindaste, desmontes, apertura, limpeza e acondicionamento de camiños, apertura e limpeza de gavias, acondicionamento de terreos e desbroce en marxes das estradas.

José Fírvida dixo que con esta nova ferramenta tecnolóxica “amosamos os recursos que xestionamos, como os xestionamos e as tarefas que realizamos, pois o noso obxectivo é achegarnos máis a cidadáns e concellos facéndoos partícipes das accións que levamos a cabo, para o cal pomos á súa disposición un acceso de contacto onde poderán contactar con nós, realizar consultas e deixar as súas suxestións”.