Asociacións empresariais da provincia de Ourense aproveitarán esta cita para impulsar a liquidación de stocks.

 

A Mostra da Oportunidade chega a súa 22ª edición ofrecendo os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos que converterán a Expourense, entre o venres 30 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro, nun gran centro comercial. O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como a Mostra contribúen a dinamizar as vendas e a captar novos clientes fora da súa área habitual. De feito, o 70% dos expositores desta edición son de Ourense e comarca.

Esta cita foi presentada en Expourense nun acto no que estiveron presentes o presidente do comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, o vicepresidente da Federación de Comercio de Ourense, Enrique Gª Boente, a directora adxunta de Expourense, Emma González, e representantes dos centros comerciais abertos de Ourense Centro, Couto Centro e Xinzo. Todos eles coincidiron en destacar que a Mostra é unha cita moi consolidada que conta cun alto índice de fidelidade tanto por parte do expositor (que repite varias edicións) como por parte do público que “reserva sempre unha cantidade da destinada ás rebaixas para investir na Mostra!, tal e como indicou García Boente.

Preséntase unha feira onde se ofrecerán os prezos máis competitivos nunha ducia de sectores. O téxtil volverá ser o sector con maior representación nesta cita, sumando preto do 40% dos expositores entre moda, calzado, pel, lencería, xoiaría, bixutería e complementos. O fogar, con ampla variedade en moble, decoración, descanso ou menaxe ocupa o segundo lugar seguido por outros sectores como a xardinaría, a climatización ou a alimentación.

Para facer máis cómoda a visita, o salón -que conta cun prezo de entrada dun euro- conta cun amplo horario que vai dende as 11 da mañá ás 9 da noite.

Centros comerciais
Expourense, en colaboración co asociacionismo, puxo en marcha unha edición máis unha acción especial que favoreceu a participación agrupada das empresas. A Mostra da Oportunidade contará coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as rebaixas de inverno. Estarán presentes as asociacións de Ourense Centro, do Couto, a Asociación de Comerciantes de Allariz, a Asociación de Comerciantes de Xinzo e súmase o Centro Comercial Aberto de O Carballiño, que participa por primeira vez.

35% de desconto en RENFE e sorteos de estancias en balnearios
Aqueles que se decidan a visitar Ourense en tren para acudir á Mostra da Oportunidade poden beneficiarse dun 35% de desconto en todas as liñas de RENFE, AVANT incluído. Para obter este desconto é preciso presentar o bono que se pode descargar na páxina web de Expourense.

A Mostra ofrece, ademais, un amplo aparcamento gratuíto, animación musical e un área de lecer infantil destinada a gozar dunha xornada de compras en familia. Para premiar a fidelidade do público realizaranse ademais sorteos de estancias en balnearios de Galicia.