Piden o apoio do Concello de Ourense e a Deputación á manifestación convocada pola Plataforma “Queremos Galego” o vindeiro 8 de febreiro en Santiago.

 

O grupo municipal do BNG solicitou a convocatoria da Xunta de Voceiros do Concello de Ourense para elaborar unha declaración institucional de apoio á manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego o vindeiro domingo 8 de febreiro en Santiago.

A concelleira Susana García apuntou que en Ourense caeu en máis de 10 puntos o número de galegofalantes, razón pola que o Concello, máis ca nunca, debe ter un papel dinamizador que free esta situación. Dende a Xunta estase a programar a aniquilación do galego dende que Núñez Feijóo chegou á presidencia, de aí que sexan os concellos os que deban promover medidas normalizadoras para pararmos esta desfeita.

Susana García criticou a pouca sensibilidade que ten amosado o equipo de goberno no que se refire a respectar ao uso do galego nas comunicacións institucionais. «Partimos da base de que a partida consignada para normalización lingüística se emprega noutros fins, a atención ao público nalgúns servizos se fai, exclusivamente, en castelán, as campañas das diferentes concellarías teñen grallas ou son bilingües e as empresas que contratan co concello utilizan só o castelán. O grupo de goberno ten na súa man mudar e mellorar esta situación polo que lle pedimos compromiso real coa lingua», insistiu.

O BNG esixe políticas activas a favor da lingua e por iso pedimos que o vindeiro venres, antes do pleno, se faga unha declaración institucional.

Tamén no pleno da Deputación o BNG vai solicitar que dende a institución se anime á cidadanía a participar na manifestación. O deputado, Leopoldo Rodríguez Puga tamén fixo referencia a que as enquisas detectan un descenso alarmante no uso do galego, “é imposíbel viver en galego as 24 horas do día con normalidade”. Falou da situación concreta do ensino e de que é imposíbel educar aos fillos en galego porque “a Xunta non deixa que sexamos usuarios da nosa lingua na nosa terra”.