O Concello pón en marcha, un ano máis, o seu Plan de Autoprotección para o Entroido, no que se inclúe tanto o reforzo no número de efectivos dos equipos de emerxencias, como dispositivos especiais en determinadas celebracións.

 

Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan desfrutar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2015.

Devandito plan, que se realiza por terceiro ano consecutivo, reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

O plan contempla o reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia, tanto de axuda interna (Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios, Cruz Vermella de Monterrei, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Axencia Galega de Emerxencias), coma externa (Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín e 061); así como a posta en marcha de grandes dispositivos de seguridade en determinadas ocasións, como son o Desfile Infantil, os grandes desfiles que se celebran o domingo e o martes de Entroido, e a noite do Xoves de Comadres.

Así mesmo, realizouse un programa de información xeral ao público, consistente en consellos de seguiridade difundidos a través do tríptico e o libro do Entroido, e a instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.

Plan de mobilidade
Dentro do plan de autoprotección inclúese, por segundo ano consecutivo, un plan de mobilidade. Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido inténtase desenvolver unha folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano. O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito plan. Para conseguir esta cuestión, o Concello de Verín recomenda aos veciños así como aos visitantes que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedan ó centro da vila a pé.

Por outro lado, informouse ás principais empresas de transporte de mercadorías que, dende o día 12 ata o 17 de febreiro (ambos inclusive), os vehículos de máis de 3.5 toneladas teñen a súa disposición unha ruta alternativa que funcionará coma unha circunvalación que conecte a parte norte, este e sur da vila para evitar o seu paso polo centro de Verín.