Manuel Baltar, asinou coa ministra de Fomento, Ana Pastor, e coa directora de Turismo de Galicia os convenios “Galicia a todo tren” e “Trens termais” para promocionar a provincia de Ourense como destino turístico diferenciado e de calidade.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron na Feira Internacional de Turismo (FITUR), en Madrid, o Plan “Ourense, a provincia termal”, o proxecto máis importante no ámbito turístico da provincia e Ourense, a desenvolver no período 2014-2020, e que ten como obxectivo poñer en valor os recursos termais, naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino e da marca “Ourense, a provincia termal”.

No acto de presentación, que tivo lugar no stand de Galicia en Fitur e que contou tamén coa participación de Paolo Vasile, conselleiro delegado de Mediaset, e do director xeral e Contidos de Mediaset, Manuel Villanueva, Manuel Baltar dixo que Xunta e Deputación de Ourense “van da man no desenvolvemento deste plan que pretende potenciar e promocionar os singulares recursos do termalismo que temos na provincia de Ourense para situala no mapa mundial do turismo de ocio e saúde, pois a provincia de Ourense conta cunha inmellorable materia prima como é súa riqueza natural por riba e por baixo da terra”.

Baltar salientou que a finalidade do plan é “a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico, ademais de articular os recursos, servizos e a oferta termais como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores”, e engadiu que entre todos, administracións, empresas e cidadáns temos un fermoso reto por diante: posicionar a Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal”.

Logo da presentación do Plan Termal tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración dos trens turísticos de Galicia “Galicia a todo tren”, para promocionar entre os viaxeiros a riqueza natural, monumental, vitivinícola e enoturística de Galicia, destacando a provincia de Ourense, que conta con catro das cinco denominacións de orixe galegas. O acto contou coa participación da ministra de Fomento, Ana Pastor; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Renfe, Pablo Vázquez.

Viaxes termais a Ourense

Posteriormente tamén se asinou entre a Deputación de Ourense, o Ministerio de Fomento e Renfe o convenio de colaboración de “Viaxes termais”, que ten como obxectivo promocionar o termalismo da provincia coa oferta de viaxes en tren con traslado aos balnearios e programa de tratamentos nos balnearios ourensáns.

Este acordo permitirá que todos os luns, de febreiro a decembro, os viaxeiros que desexen pasar un días gozando das bondades do termalismo poidan viaxar á provincia de Ourense aproveitando excelentes ofertas de viaxe en tren, traslados e estancias en balnearios dende máis de 40 das principais estacións de ferrocarril de España, combinando as liñas regulares de tren co posterior traslado incluído aos establecementos balnearios da provincia ourensá.