O día grande da localidade será o Martes de Entroido, coa saída dos chocalleiros, desfile de carrozas, cea popular, moita música e queimada.

 

Tras máis de sen celebracións do Entroido en Vilardevós, no 2015 esta localidade recupera as súas exaltacións na honra de Don Carnal, da man da figura do chocalleiro, personaxe que percorría as rúas da localidade e outros pobos do municipio perseguindo á xente non disfrazada co obxectivo de que o invitaran a un viño. A súa vestimenta está composta por un pantalón e camisa de liño, polainas, pañoleta de lazos, careta cunha mitra pequena tapada cunha pañoleta, catro campaíñas, e unha vara cun farrapo na punta coa que asustar e manchar á xente.

Para recuperar esta tradición Vilardevós prepara este ano un gran Martes de Entroido, 17 de febreiro. A cita festiva comezará ás 16 horas coa saída dos chocalleiros. Media hora máis tarde será o momento da saída das carrozas dende o campo de fútbol, acompañadas por gaiteiros e unha charanga.

Ás 17.15 terá lugar a representación teatral da obra “A Seitura”, a cargo da Asociación de Mulleres Rurais “Entre Nós” de Vilardevós.

Xa ás 18.30 horas será a baixada da vaca acompañada polos chocalleiros, seguida de baile e a lectura do testamento do burro.
Ás 20 horas será o momento da actuación do Folión de Vilariño de Conso, ás 21 tocará cea na avenida de Vilardevós e ás 23 será a quiema do meco.

Como fin de festa, haberá música da man de Disco-móvil DJ Dreamsout e queimada ás 00.30 horas.

Para poder acudir á cea, os interesados deben inscribirse (e abonar os 15 euros que ten de prezo) antes do 10 de febreiro na perruquería Seranu, no comercio de roupa O rincón de Eva ou no café-bar P´ti e P`min de Vilardevós.