O Comité Electoral do PPOU  acordou por unanimidade que Jesús Vázquez sexa cabeza de lista dos populares para as vindeiras eleccións municipais. Vázquez é conselleiro de Educación dende abril de 2009 e asumiu tamén as competencias de Cultura dende 2012.

 

Trala reunión mantida na tarde deste 30 de xaneiro na sede do Partido Popular de Ourense, o Comité Electoral do PPOU acordou por unanimidade que a súa proposta de cabeza de lista na cidade de Ourense para as Eleccións Municipais sexa Jesús Vázquez Abad.

O Comité Electoral acordou, asimismo, elevar esta proposta ao Comité Electoral Autonómico do Partido Popular de Galicia para que, á súa vez, lle dé traslado ao Comité Electoral Nacional, órgano competente estatutariamente para designar aos candidatos das capitais de provincia, tal e como se recolle no artigo 49.1 dos Estatutos do Partido Popular.

Jesús Vázquez Abad naceu en Nuremberg (Alemania) en 1967. É Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor Cum Laude en Ciencias Económicas e Empresariais pola de Vigo, na que exerceu como profesor titular do departamento de Organización de Empresas e Marketing. A súa carreira profesional desenvolveuna tamén como administrativo de primeira en Banco Gallego S.A., profesor titor da Universidade Nacional de Educación a Distancia en Ourense, subdirector da Escola de Estudos Empresariais e decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo.

Desde o 26 de marzo de 2008, e ata o seu nomeamento como Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia o 20 de abril de 2009, ocupou o cargo de deputado do grupo parlamentario popular por Ourense no Congreso dos Deputados. Neste tempo, exerceu como membro das comisións de Economía e Facenda; de Educación, Política Social e Deporte; e de Ciencia e Innovación. Posteriormente, foi tamén voceiro de Universidades do grupo parlamentario popular e presidente da Comisión Nacional de Universidades do Partido Popular.

En xaneiro de 2012 o departamento do que é Conselleiro pasa a asumir tamén as competencias de Cultura do Goberno Galego. Compatibiliza o cargo de Conselleiro no Executivo Galego co escano de deputado autonómico no Parlamento de Galicia dende 2012.

No eido da súa actividade investigadora e docente, Vázquez Abad ten impartido diversos cursos e seminarios en distintas Universidades e publicado traballos científicos; libros e monografías; comunicacións e ponencias presentadas en distintos congresos.