Valcárcel nun pleno en Barbadás

O voceiro do PSdeG, Xosé Carlos Valcárcel Doval, apunta á concelleira de Deportes, Consuelo Vispo, como a principal responsable do caos na organización do día a día do novo pavillón.

Valcárcel lembra que a historia que rodea a esta infraestrutura estivo caracterizada «pola pouca seriedade dos mandatarios do PP e polo caos». Os wocialistas lembran que hai 15 anos que se puxo o cartel indicativo do custe das obras, pero era só da primeira fase porque “os anos foron pasando e houbo que buscar novo financiamente e aturar sucesivos retrasos nas obras, na entrega da dotación, na compra de equipamento, nos flecos que quedaron pendentes pola nefasta xestión, etc”, indica Valcárcel.

O líder socialista lembra que a falta de previsión provocou que antes da súa apertura ó público houbo que facer unha serie de modificacións relacionadas cos vestiarios porque non se dimensionaron axeitadamente e os que se habilitaron non eran suficientes. Ó mesmo tempo houbo que facer tamén adaptacións nas caldeiras, unhas obras que tiveron un custo adicional de 35.000 euros.

Posteriormente unha nova falta de previsión obrigou a facer máis modificacións, que afectaron neste caso ó rótulo, á grifería, ao almohadillado de columnas ou a pór aire acondicionado no ximnasio (21.000 euros). Todos estos cambios adicionais demostran ás claras “que non houbo dende o inicio do proxecto unha planificación seria e adaptada á realidade dunha infraestrutura destas características”, reprocha Valcárcel.

Valcárcel foi moi duro tamén co feito de que as pistas superiores descubertas, é dicir, as que están no teito do pavillón, non poden ser usadas porque o chan non reúne as condicións mínimas de seguridade, “o que exemplifica unha nova falta de planificación”.

O voceiro socialista lembra que o pavillón foi entregado no mes de xuño, pero os usuarios tiveron que agardar ata setembro ou outubro para facer uso das instalación, unhas instalacións que non terminan de estar completas debido á falta de previsión, denuncian os Socialistas. A imprevisión dos gobernantes do PP custoulle ó erario público 56.000 euros a maiores do inicialmente presupostado e a día de hoxe aínda hai problemas vencellados a un inadecuado mantemento, censuran os Socialistas. Hai que ter en conta tamén que estes 56.000 euros págaos o Concello de Barbadás.

Pero o colmo da ineficacia segundo Valcárcel refléxao o feito de que unha falta de mantemento axeitado provocou que o pavillón de Barbadás estivera sen calefacción durante 10 días. A avaría foi consecuencia dunha falta de mantemento axeitado e polo visto foi só arranxada temporalmente porque ata o verán non se poderá subsanar na súa totalidade. Valcárcel sinala a Consuelo Vispo coma unha mala xestora do diñeiro público ó non desempeñar axeitadamente as súas funcións á fronte da área de Deportes. Valcárel lembrou que Vispo ten unha adicación parcial pola que cobra do erario público 1.200 euros aproximadamente e ten unha responsabilidade de cara á cidadanía.

Valcárcel asegura que estes son só os exemplos máis evidentes da mala xestión, pero hai máis cuestións do funcionamento cotiá que se caracterizan por unha mala xestión: discriminación á hora de pagar as cuotas (supostamente hai 400 usuarios e só pagan 100, que algunhas disciplinas deportivas teñen menos tempo de impartición do que tiñan estipulado inicialmente, problemas cos prezos dos carnés, etc.

Esta situación ten provocado numerosas queixas de pais e nais de cativos que usan o pavillón e doutros usuarios. Hai persoas que anunciaron incluso a súa intención de acudir á Oficina de Consumo, asegura o socialista.