O 30 de xaneiro de 2015 cumplíronse 43 anos da morte de Pepe Velo a cuasa dun cancro de pulmón. Un día despois, Aser Álvarez (de Arraianos) e Francisco Macías (de Edicións Positivas) presentaban, na antiga biblioteca de Celanova, a Asociación Cultural Xosé Velo.

 

Esta iniciativa busca recuperar, principalmente a través dun espazo web, a figura do escritor celanovés, un “poeta maduro, sobervio e brillante”, como o describiu Aser Álvarez, quen comezou a sentir inquedanza pola figura de Velo cando rodou o documental “100% CEF” sobre Celso Emilio Ferreiro, do que Pepe era un gran amigo.

Aí foi onde comezou esta aventura, por coñecer e amosar á sociedade a esencia do artífice do primeiro secuestro político (o 22 de xaneiro de 1961) dun barco de pasaxeiros, o Santa María, de bandeira portuguesa, co fin de denunciar ante o mundo as ditaduras de Franco e Salazar. Mostra significativa do pensamento revolucionario dun escritor ao que nin a historia nin sequera a súa terra lle fixeron xustiza.

Agora, coa colaboración do único fillo de Velo que queda con vida, Víctor, e o traballo de investigación de Álvarez e Macías comeza un camiño que irá destapando como era Pepe, o mesmo que de neno lle regalaba os seus zapatos a algún cativo pobre, “eu teño máis e el ningún”, explicáballe ao seu estrito pai ao chegar á casa. Así era Pepe Velo.

E esta web recordarao a través dos seus poemas, das súas cartas, dos seus discursos… O que será o primeiro paso desta asociación, que prepara de cara a 2016 (para celebrar o centenario do nacemento do escritor) diversos actos, e que adianta a elaboración dunha publicación que recolla “o mellor da súa obra”, explican; así como un completo documental biográfico que achegue a toda a sociedade a “un home extraordinario, que merece que o lembremos e que os máis novos o teñan como referente”.