Os populares retoman unha proposta súa do ano pasado para mellorar a súa accesibilidade e eliminar as barreiras arquitectónicas en Ourense.

 

O Partido Popular presenta no pleno deste venres unha moción para que o Concello non discrimine aos discapacitados. En concreto, solicitan “que o Goberno Municipal de Ourense cumpra o aprobado por unanimidade no pleno do 6 de xuño de 2014 respecto á non discriminación dos veciños discapacitados e persoas con mobilidade restrinxida”.

Daquela, os populares presentaran unha moción demandando o establecemento dun programa específico de actuación participativa, constituído por técnicos municipais, representantes veciñais e concelleiros de todos os grupos políticos con representación no pleno para adaptar as vías públicas, parques e demais espazos de uso público á normativa vixente sobre accesibilidade.

Tamén solicitaban a creación dunha comisión informativa, participativa e permanente, que se encargase do estudo e desenvolvemento dun programa transversal destinado á eliminación das barreiras arquitectónicas e a promoción da accesibilidade e a non discriminación.

Para rematar, a moción entendía que todas estas actuacións non se poderían levar a cabo sen a dotación das correspondentes partidas presupuestarias municipais.

Esta moción fora aprobada por unanimidade no pleno do 6 de xuño de 2014.

Como xa advertiran os populares no seu momento, “unha mera declaración de intencións non serviría para atender as reivindicacións dos nosos veciños discapacitados nin solucionar os seus problemas de accesibilidade cotiáns”.

Desde entón, diferentes asociacións encargadas da defensa dos intereses colectivos da persoas con discapacidade, así como varios veciños a título particular, coa súa mobilidade restrinxida, trasladaron a este grupo municipal as súas queixas “denunciando a inactividade do goberno municipal na defensa dos seus xustos intereses”.

Por estes motivos, os populares vense na obriga de volver traer ao pleno unha nova moción “que sirva, contando co apoio da corporación municipal, para poñer definitivamente en marcha todos os compromisos adquiridos ante as familias e os veciños con discapacidade e mobilidade restrinxida, en aras de mellorar a súa accesibilidade e eliminar as barreiras arquitectónicas en Ourense”.