Ximena González e Susana García

Os nacionalistas propoñen máis conexións con barrios, parroquias do rural e dotacións públicas e o emprego de vehículos ecolóxicos.

 

O BNG presenta no pleno deste venres unha moción para abrir un prazo de consultas para incoporar propostas ao novo prego da concesión do transporte urbano, cuxa concesión actual remata en maio.

Os nacionalistas queren que partidos políticos e veciños presenten as súas achegas e establezan prioridades para este servizo público. Entre as súas, redifinir o trazado de liñas de autobús, coa mellora das conexión cos barrios, as parroquias do rural e as dotacións públicas; crear novas rutas que permitan o desprazamento aos centros escolares; estudar a posibilidade de incorporar vehículos ecolóxicos, e ter en conta a implantación futura do transporte metropolitano. Explicábaas a súa voceira Susana García, para quen “o parque de San Lázaro non pode ser o centro neurálxico de todas as liñas” e “Progreso está saturado” de autobuses. García tamén avogou pola posibilidade de crear liñas circulares e recordou a “demanda histórica” de que chegue unha liña ao pavillón dos Remedios.

“Queremos que se valoren as propostas e as repercusións económicas”, engadiu a voceira do Bloque, quen deixa para os técnicos a articulación concreta destes cambios.