A asociación ecoloxista dirixira en decembro un escrito á xerente da Xerencia de Xestión Integral de Ourense «facéndolle ver a importancia de procurar realizar actuacións tendentes a coidar das árbores existentes no recinto hospitalario de Piñor».

 

Amigos da Terra denuncia a corta polo pé de preto de cen árbores no Hospital de Piñor, Barbadás; árbores de diversas especies (cipreses, cedros, choupos, pradairos, freixos, acacias) plantadas nos anos corenta e que compuñan un conxunto de alto valor medioambiental e patrimonial.

En decembro, a asociación dirixira unha carta a Eloína Núñez, xerente da Área de Xestión Integrada de Ourense, á que esta respostara explicando que a tala que se ía realizar correspondía «al requerimiento de la Agencia Estatal de Seguridad Aérea en relación con los alrededores del helipuerto que la base del 061 tiene en el hospital de Piñor….Tenemos preocupación y respeto por la conservación del medio ambiente…”.

Amigos da Terra entende que é preciso garantir a seguridade aérea, pero considera que a tala foi abusiva porque «había árbores que non afectaban a base nin puñan en dúbida a seguridade aérea», polo que a tacha de «actuación insensible e sen xustificación». «A tala indiscriminada levada a cabo e máis parecida a unha explotación forestal que ao que ten que ser o coidado dun parque nun recinto hospitalario», engaden.

Por iso volven solicitar á xerente que se protexan todas as árbores existentes no recinto do Hospital de Piñor, que as podas que se teñan que realizar se fagan seguindo criterios técnicos axeitados para a supervivencia das árbores, que tendo en consideración o alto valor das sebes e plantas ornamentais existentes no recinto hospitalario é preciso a súa axeitada protección e axeitado tratamento. Tamén reclaman o informe da “Axencia Estatal de Seguridade Aérea” no que se xustifica esta actuación.