Ata o 18 de febreiro a localidade acolle desfiles, obradoiros infantís e un concurso de drag-queen´s.

Barbadás ten preparada unha ampla programación cultural para o Entroido 2015.

O luns 16 de febreiro de 17 a 20 horas celebrarase un concurso infantil de disfraces e obradoiro de maquillaxe na Casa da Cultura. Poden participar no mesmo cativos de ata 12 anos (que participarán divididos en tres categorías), o tema dos disfraces é libre, e como premio os tres mellores de cada categoría recibirán xogos ou material lúdico e deportivo.
Ese mesmo día, ás 21 horas, celebrarase a primeira Gala de Entroido “Barbadás Drag 2015”, un concurso de drag-queen´s no que se repartirán 2.300 euros en premios. Para asistir á mesma é preciso recoller unha invitación na Casa da Cultura.

E xa o martes 17, ás 5 da tarde, terá lugar o gran desfile de entroido pola avenida de Celanova. Ao remate do mesmo haberá a actuación dunha disco móvil e a entrega de premios aos mellores comparsas, repartindo 4.000 euros en premios.

Por último, o mércores 18 de febreiro, ás 20 horas, chegará o momento da queima do meco, coa saída da comitiva desde o inicio da Valenzá ata a praza Vella, onde terá lugar a queima. O percorrido estará amenizado polo grupo Trécola e haberá bica, licor e moita música.