Os deputados reclaman á Subdelegación do Goberno, á Confederación Hidrográfica, a concellos e Deputación que » tomen as medidas oportunas» para evitar risco para as persoas e vehículos na estrada de Vilar de Barrio a Rebordechao, ao carón do río Arnoia.

As fortes choivas dos últimos días «que provocaron enchentes, asulagamento de fincas e desprendementos de terra que deixaron a estrada inutilizada» motivaron esta chamada de atención por parte do Bloque ás administracións ourensás. Aos técnicos da Confederación Hidrográfica e da Deputación reclámanlle tamén que elaboren un informe dos danos producidos «para solicitar, no seu día, a aprobación dun decreto específico para resarcir dos danos aos afectados/as e para a reposición dos estragos producidos, tendo en conta que a enchente levouse por diante fincas enteira».

Cargos do BNG visitaron este martes unha das zonas máis afectadas, en Rebordechao, onde comprobaron a importancia dos danos, que, na súa opinión, «aínda poden incrementarse se persisten as nevadas e as choivas». Os nacionalistas subliñan que ningún cargo público do PP se achegou ata alí cuestión esta pola que os veciños lles manifestaron, «amargamente, sentirse abandoados», dado que o problema da estrada xa existe desde o venres, e eles non teñen outro acceso ao pobo e ás súas casas.