Será o venres 6 de febreiro ás 20 horas.

 

A Biblioteca Pública de Ourense acollerá a proxección do documental “Angrois no esquecemento”, unha obra sobre o accidente do tren Alvia o 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela, no que faleceron 81 persoas e houbo máis de 140 feridos.

O acto, que terá lugar este venres 6 de febreiro ás 20 horas, está organizado polo Sindicato Ferroviario Intersindical e participará o seu secretario xeral, Francisco Rafael González, ademais de membros do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, que realizou a película.

Ano e medio despois da traxedia do Alvia 04155 en Angrois, as vivencias persoais e as interrogantes sobre por que descarrilou o tren aquel 24 de xullo seguen no pensamento dos que lles tocou estar alí. “Vítimas, familiares, profesionais dos servizos de urxencia e persoas anónimas que colaboraron no rescate son a única voz deste documental de testemuñas. Intentan ir superando aquela data, recordando aos seus, mentres acusan as institucións de facer todo o posible para deixar Angrois no esquecemento sen esclarecer a verdade”, explican os creadores do documental.

Despois do desconcerto dos primeiros momentos, as vítimas e as familias seguen a loitar pola creación dunha comisión de investigación no Parlamento na que se depuren as responsabilidades políticas deste caso. Esixen que se reparen os danos causados e que se garanta que se tomarán todas as medidas necesarias para evitar que un accidente semellante poida ocorrer.

O documental “Angrois no esquecemento” está narrado por unha vintena de voces que intentan asimilar e explicar o que supuxonas súas vidas a traxedia do Alvia: familiares que se esmeran por superar as ausencias que deixou o accidente; superviventes que loitan coas secuelas físicas e psicolóxicas daquela data; profesionais que admiten como se viron superados pola magnitude da traxedia, e que narran o que tardaron en asimilar xornadas interminables de traballo nas que perderon a noción do tempo; e veciños e persoas anónimas que se botaron ás vías sen pensalo e a quen conveteron en heroes sen eles buscalo.

O colectivo audiovisual Lentes Diverxentes comeza a súa andaina coa idea de contribuír ao cambio dunha sociedade na que hai voces que non se chegan a escoitar. Ese é o proxecto dun grupo de catro persoas que, de xeito desinteresado, altruísta e autofinanciado trata de sacar á luz problemáticas sociais desde o punto de vista de quen as padece.

Está previsto que ao remate da película inteveña parte do equipo para contar como xurdiu este proxecto e o seu desenvolvemento.

Os interesados en obter máis información poden acceder á web www.angroisnoesquecemento.com.