A situación é tan grave que en breve poderían entrar en concurso de acredores.  Aspanas Termal vén negociando desde fai case un ano coa Xunta actuacións para garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo.

Nese marco había compromisos por parte de Aspanas e tamén por parte da Xunta, aínda que lonxe de arranxarse, a situación viuse agravada, a xuízo do BNG, por decisións e actuacións do goberno galego que se concretan en tres ámbitos: produciuse unha intervención de facto da Xunta no Centro Especial de Emprego sen que se producise ningunha achega de cartos públicos; os retrasos da Xunta na resolución das ordes de saneamento financeiro e unidades de apoio, que tiña que ser resolto antes de fin de outubro de 2014, fixo que se incorrese en máis perdas; e instouse á dimisión da xerente e administradora.

Este xoves, as deputadas nacionalistas Carme Adán e Tereixa Paz, xunto coa concelleira Susana García mantiveron unha xuntanza con empregados e comité de empresa de Aspanas Termal e acordaron un plan de actuación que Carme Adán explicaba e que se circunscribe a tres actuacións. A primeira delas é que se constitúa un grupo de traballo entre todas as administracións procurando a adhesión de empresas e fundacións para facer un fronte común que garanta a viabilidade de Aspanas Termal. Este grupo de traballo deberá desenvolver as seguintes actuacións: estudar a situación real de Aspanas Termal partindo do plan de viabilidade do mes de xullo, e analizando especialmente a situación que se provocou a partir de novembro, e establecer as medidas necesarias para encamiñar e manter o CEE así como as achegas e actuacións a realizar por cada unha; establecer as medidas de carácter inmediato para evitar a entrada en concurso de acredores; que o Concello de Ourense inicie os trámites para a cesión do camping municipal de Untes por 50 anos, en base á utilidade social da entidade; e que se nomee unha persoa que asuma as responsabilidades de xerente e administrador co respaldo de todas as administracións e entidades comprometidas na solución de Aspanas Termal.

Ademais, o BNG propón que todo este proceso se realice coa máxima participación e transparencia, exercendo un control estrito en relación co uso adecuado dos fondos públicos. Esta participación referirase tanto ao Comité de empresa como ao ámbito parlamentar.

Apuntaba Carme Adán que o obxectivo central debe ser o de garantir o dereito a un posto de traballo ás persoas con discapacidade e que Aspanas Termal é o único centro especial de emprego de Ourense que ten ademais declarada a súa utilidade pública e imprescindibilidade social.

Pola súa banda, Susana García anunciaba que se lle trasladará ao equipo de goberno do Concello de Ourense esta proposta para que se implique e entre todas as administracións tomar medidas de carácter inmediato para evitar a entrada en concurso de acreedores