Desfile infantil Verín

Á mañá celebrarase o desfile infantil de entroido, no que participarán escolares dos centros educativos da comarca.

Verín celebra este 12 de febreiro un dos pratos fortes do seu entroido: o Xoves de Comadres. A festa dá inicio á mañá, co desfile infantil a partir das 11:45 horas. Os máis pequenos e pequenas do Punto de Atención á Infancia do Concello de Riós, Kero-Kolo do Concello de Verín, Gardería Pinocho, CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, Vendas da Barreira, Augusto Assia de A Mezquita, Medeiros, o Colexio Rural Agrupado Monterrei, Colexio María Inmaculada e o IES Taboada Chivite tomarán as rúas da vila do Támega.

O desfile estará amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e as charangas Támega, CBD, Solana, Ideal e Europa. Partirá, ao igual que en edicións anteriores, do entroncamento da Canella Cega coa estrada de Cabreiroá, para percorrer as rúas Deputación, Luis Espada e Lisa, e finalizar nas prazas García Barbón e Maior.

Á noite, os restaurantes verineses estarán cheos de ceas de comadres, e recibirán ás charangas Europa, Támega, CBD, Fuego e Ideal. Á medianoite, no barrio de San Lázaro, será a recepción pola Raíña do Entroido da comitiva de Don Carnal, procedente do Camiño Real de Monterrei e acompañada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e do Folión de Carracedo. De alí partirán ata as prazas Maior e García Barbón, polas rúas San Lázaro, Luis Espada e Maior.

A animación nestas prazas correrá a cargo de Vidal López, locutor de Cadena 100 e posteriormente dará o pregón un dos actores galegos máis coñecidos de televisión, cine e teatro: Manuel Manquiña. A verbena continuará ata altas horas da madrugada, amenizada pola orquestra Marbella, que porá o broche á noite máis “feminina” do Entroido verinés.