A mostra reúne instantáneas datadas entre 1920 e 1950, que reflexan a vida e os costumes dos veciños da localidade.

O Concello de Allariz inaugura, o 22 de febreiro ás 12.30 horas, a exposición fotográfica «Allariz na Memoria» en Santa Mariña de Augas Santas. Así, estarán expostas fotografías de 1920 a 1950 referentes á vida, cultura e tradicións desta localidade. A procesión dos pendóns, a igrexa, a basílica da Ascensión, Armea, a fonte da Santa… Os símbolos da parroquia en imaxes, que se converten nun certificado de vida.

A través dos homes, mulleres e nenos da época coñeceremos o valor do traballo compartido, na matanza ou na seitura, en definitiva, o valor de vivir en comunidade.

Santa Mariña mira ao futuro apoiándose na cultura herdada, no patrimonio, na natureza e tamén nos seres humanos que escribiron a súa historia, unha parte da cal se poderá ver nesta mostra fotográfica única.