Elaboración, degustación, presentación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona serán os requisitos que o xurado terá en conta para decidir os gañadores.

 

O sábado 21 de marzo, a partir das 10.15 horas, o Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá a realización da oitava edición do concurso Cigarrón de Verín, destinado a ser un referente gastronómico, así como a relanzar os produtos e viños da comarca de Monterrei.

O concurso, de carácter libre, atópase dividido en dúas categorías diferenciadas: alumnos de escolas de hostalería e profesionais da restauración, por unha banda, e afeccionados, por outra.
O número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nun dos seguintes dous apartados: prato principal (cuxo ingrediente básico debe ser cabrito ou bacallau, e ir acompañado dunha guarnición característica da zona) e sobremesas. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei.

Elaboración, degustación, presentación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán os criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes.

Premios e inscrición
Profesionais e afeccionados optarán aos dous premios Gran Cigarrón (dotados cada un con 400 euros) e Cigarrón Doce (cada un cun valor de 200 euros). Os interesados/as en participar no concurso deben formalizar as súas inscricións antes do 17 de marzo, ata as 14 horas, no Concello de Verín ou no fax 988 41 19 00.