O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, José Ángel Vázquez Barquero confirmou que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas aceptou unha proposta de ampliación do proxecto para incrementar as persoas beneficiarias.

Barquero calificou como “altamente satisfactoria” a valoración global do proxecto Ourense Inserta, cofinanciado polo Concello de Ourense e o Fondo Social Europeo por medio do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O concelleiro confirmou, así mesmo, a aprobación por parte de dito Ministerio da proposta de ampliación que permitirá incrementar o número de persoas beneficiarias do programa e mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.

Con esta modificación, incorporaranse sete novas accións de prácticas non laborais en empresas dos ámbitos de intervención do proxecto (Atención Sociosanitaria, Medio Natural e Hostalería), cun total de 80 beneficiarios. Este itinerario formativo terá unha duración de 300 horas -uns 3 meses de duración-, que inclúen 275 horas de prácticas en empresas da cidade de Ourense e 25 horas de formación transversal.

O importe desta acción será de 105.000 euros, sendo o 90% destinado a bolsas a recibir polos beneficiarios, equivalentes a un 75% do IPREM. Os itinerarios realizaranse entre o 13 de abril e o 6 de xullo deste ano, trala sinatura de convenios de colaboración con 12 entidades da cidade.

Maioría de mulleres sen prestación económica con cargas familiares

Ourense Inserta é un proxecto de inserción sociolaboral que conta cun orzamento de 1.608.104,34 euros -1.286.483,47 euros financiados polo Fondo Social Europeo, e 321.620,87 euros de aportación municipal-. O obxectivo prioritario do proxecto é favorecer o acceso a un posto de traballo daquelas persoas pertencentes aos colectivos máis vulnerables e con maiores dificultades de inserción laboral deste concello. A día de hoxe, participaron unhas 360 persoas no proxecto, sendo 296 as que finalizaron algún dos 20 itinerarios formativos.

O perfil da persoa usuaria é unha muller con cargas familiares, desempregada de longa duración, que non contaba con ningún tipo de prestación económica.