Éthel Vázquez co alcalde de Padrenda

Éthel Vázquez fixo este anuncio no transcurso dunha reunión de traballo mantida o venres co alcalde deste concello ourensán, Manuel Pérez.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, informoulle ao alcalde de que as obras para a mellora do saneamento do núcleo de Crespos serán licitadas o vindeiro martes, 17 de marzo.

Éthel Vázquez fixo este anuncio no transcurso dunha reunión de traballo mantida o venres co alcalde deste concello ourensán. Segundo explicou a conselleira, a licitación, que suporá un investimento de máis de 112.000 euros, será efectiva mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A actuación levarase a cabo na denominada Travesía dos Servizos Municipais, no núcleo de Crespos. Nesta vía faise necesario realizar a recollida de augas pluviais na marxe dereita, xa que se provocan continuos arrastres e se producen atascos na rede de saneamento e depósito de residuos nas rúas. En total, actuarase en 385 metros da travesía.

A solución ideada no proxecto de Augas de Galicia inclúe a colocación de dous treitos de colectores (165 + 220 metros) dun diámetro de 315 mm con sumidoiros cada 25 metros.

Para conter as terras, evitar noiros excesivos e adaptalas ás aliñacións oficiais definidas, construiranse uns muros de contención de terras rematados no bordo cunha varanda metálica.

As obras, que contará cun prazo de execución de catro meses, inclúen tamén o estendido dun novo firme entre o bordo de formigón e a calzada existente.