A mostra está aberta ao público ata o vindeiro 5 de abril no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense.

 

A exposición Carlos Casares e a fotografía é unha mostra que supón «a primeira exposición de fotos do universal creador literario galego e na que podemos admirar a súa creatividade coa imaxe», segundo explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación. Xunto ao titular da institución provincial estiveron o presidente da Fundación «Carlos Casares», Javier Casares; o comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido, e o director do Centro Cultural, Francisco González.

Manuel Baltar dixo que a nosa obriga «é promover e difundir o legado de Carlos Casares, porque con elo estamos facendo Ourensanía», e engadiu que Casares, «que foi un absoluto coñecedor da palabra, con máis de 10.000 páxinas escritas en todos os ámbitos literarios, amósanos agora unha nova faciana, ata o de agora descoñecida, pero tan creadora nel como é a literaria».

O presidente do goberno provincial subliñou o feito de que a exposición se inaugure no centro cultural «que leva o nome do que foi un dos grandes amigos de Carlos, Marcos Valcárcel, quen xa en 2007 desenvolveu un simposio sobre a figura de Casares, un home comprometido coa súa terra, coa súa lingua e con todos os valores que representa a Ourensanía».

O comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido, dixo que Casares «foi un verdadeiro entusiasta da fotografía, e nesta mostra pódense ver dúas partes da súa obra fotográfica: retratos e viaxes». Xabier Casares, pola súa banda, dixo que o interese de Carlos pola fotografía «facíase patente ao regreso das súas viaxes, cando nos amosaba unha gran cantidade de fotos e comentaba cada unha delas; era unha ledicia escoitar eses relatos e vivencias impregnadas en cada instantánea».