Ourense en Común

O interventor da Deputación e membro de Compromiso por Galicia obtivo 435 votos, fronte aos 407 do líder veciñal Miguel Doval, nunhas votacións que a plataforma cidadá cualificou de históricas.

1.586 persoas participaron esta fin de semana no proceso de primarias cidadás abertas de Ourense en Común, unha histórica participación segundo os seus promotores. No Hotel Francisco II foron 929 as persoas que depositaron o seu voto, e outras 657 decidíronse por participar no Ateneo. O resultado coloca a Xosé Mosquera, con 435 votos, como candidato á alcaldía de Ourense para as eleccións municipais de maio. A apenas 28 votos de diferencia quedou Miguel Doval (407 votos), histórico dirixente veciñal.

As persoas que participaron neste proceso aberto tamén elixiron os nomes dos candidatos que conformarán a lista de Ourense en Común; tras baremar os resultados e introducir a corrección de xénero (listas cremalleira) seguirán a Mosquera na candidatura Ana Bande (tamén de Compromiso por Galicia), Martiño Xosé Vázquez, Ledicia Piñeiro, Miguel Doval, Tania Bouzo (Anova) e Daniel Conde (Anova).

Membros de Ourense en Común recoñecían na presentación dos resultados á prensa que se produciron algúns votos nulos xa que houbo “certa confusión” á hora de votar, cunha mesma papeleta na que se escollía o candidato a alcalde e se numeraba do 1 ao 8 os membros preferidos para formar parte da lista. Con todo, na primeira xornada post-primarias non se producirá ninguna reclamación, aínda que o prazo está aberto ata este mércores. A asamblea de Ourense en Común ten previsto avaliar os resultados entre hoxe e mañá.