Beatriz Mato en Vilardevós

A instalación ofertará 64 prazas, 24 de modalidade residencial e 40 diúrnas. As obras teñen un prazo de execución de 18 meses.

A Consellería de Traballo e Benestar investirá 1,5 millóns de euros na construción dunha nova residencia e centro de día no concello de Vilardevós, que ofertará, tras a súa finalización, 24 prazas residenciais e 40 de atención diúrna.

Así o destacou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita que fixo á parcela onde se acaba de iniciar a súa construción, que ten un prazo estimado de execución duns 18 meses.

Esta infraestrutura ofrecerá aos usuarios “atención de proximidade e de calidade”, e actuará como unha ferramenta de prevención, promoción da autonomía persoal e fomento do envellecemento activo. “Traballamos co obxectivo de que as persoas maiores non só poidan vivir máis anos, senón que o poidan facer libres das situacións de dependencia”, subliñou.

Colaboración en emprego
Durante a súa visita, Mato tamén destacou que nos últimos seis meses desenvolveuse no concello o obradoiro de emprego “San Antón”, en colaboración con Verín, que deu formación e un posto de traballo a 20 persoas desempregadas dos dous municipios. Para a posta en marcha desta iniciativa, o departamento autonómico investiu 180.000 euros.

Vilardevós é, ademais, un dos 21 concellos de toda Galicia que ten participado o pasado ano na experiencia piloto de formación dual, cun total de 6 contratos. A formación dual ofrece contratos para menores de 30 anos en situación de desemprego, asociados unha actividade formativa dun mínimo do 25% da xornada laboral e cun salario acorde ao convenio colectivo. A provincia de Ourense foi a que máis participou en 2014 nesta experiencia piloto.